Aniversario centenario en Malpica: Isidoro Pombo cumpre un século
Celebrouno cun xantar familiar nun dos restaurantes que rexentou durante varias décadas na vila
A cociña segue sen o lugar favorito de Isidoro Pombo, veciño centenario de Malpica. Isidoro recibiu polo seu aniversario máis bicos dos anos que cumpriu. Ninguén lle bota os cen e a el as tres cifras non lle pesan nadiña.
"Cando me ven dinme 'qué é o que fas?' Eu non fumo, nin bebo alcol nin nada diso. Ao mediodía como cun zume ou cunha cervexa sen alcol, e punto", comenta Isidoro Pombo.
Ata hai ben pouco camiñaba durante horas pola zona do porto de Malpica. Agora bota máis tempo na casa por mor dunha lesión nun pé. Como vive só, está afeito a encargarse da maioría das tarefas domésticas e segue cociñando cada día.
"Fago a comida porque estou só. Varro, frego e se hai que poñerlle un botón a unha camisa, póñollo. Non estou parado nunca", confesa.
Se cadra, ese non parar é un dos segredos da lonxevidade deste centenario, que festexou en familia o seu aniversario cunha mariscada en Casa Antonio, antigo restaurante Isidoro.