Galicia busca coñecer o segredo da lonxevidade e como atender os seus máis de 1.500 centenarios
O Consello da Xunta acorda a creación do Rexistro galego de persoas centenarias
O Consello da Xunta aprobou este luns a creación do Rexistro galego de persoas centenarias, coa intención de coñecer as causas da lonxevidade en Galicia e ao mesmo tempo poder dar resposta ás necesidades de atención sanitaria que precisan estes anciáns.
Segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este será o primeiro rexistro deste tipo creado por unha comunidade autónoma en España, atendendo a que Galicia é a que conta con máis centenarios e unha das rexións máis lonxevas do mundo.
Funcionará como unha base de datos á que poderán recorrer os profesionais tanto da sanidade privada como pública e permitirá "ir determinando con máis precisión os factores da esperanza de vida" e "planificar a atención sanitaria", explicou Rueda.
"Vai ser unha información ampla, de todo tipo: social, demográfica, sanitaria, de incidencia e patoloxía, hábitos, ou tratamentos, e que vai permitir moitas cousas, pero, sobre todo, ir determinando que factores están asociados a máis esperanza de vida e planificar a xestión sanitaria e as necesidades neste eido dos máis de 1.500 centenarios e centenarias que existen en Galicia", explicou Rueda.