Publicador de contidos

Publicador de contidos

Andy Burnham, proclamado líder dos laboristas británicos en substitución de Starmer

Andy Burnham, proclamado líder dos laboristas británicos en substitución de Starmer

O exalcalde de Mánchester tamén sucederá a Starmer este luns como primeiro ministro do Reino Unido

Reuters Reuters
G24.gal 17/07/2026 13:34 Última actualización 17/07/2026 13:59

O exalcalde de Mánchester Andy Burnham, de 56 anos, foi proclamado este venres oficialmente novo líder do Partido Laborista británico, en substitución de Keir Starmer, a quen tamén sucederá o luns como primeiro ministro do Reino Unido.

A secretaria xeral do Comité Nacional Executivo, órgano reitor da formación, Shabana Mahmood, anunciou o resultado das eleccións internas para substituír a Starmer, nas que Burnham foi o único candidato, polo que este venres foi proclamado sen rival.

Aínda que non pasou polas urnas do partido, si que conseguiu un amplo apoio dos seus colegas, ao obter o aval de 379 de 403 deputados que forman o grupo parlamentario laborista na Cámara dos Comúns e o de oito dos once sindicatos afiliados á formación gobernante.

Starmer anunciou a súa dimisión o pasado 22 de xuño despois de dous anos no poder, ao perder a confianza do seu grupo parlamentario tras meses de caída nas enquisas e unha derrota histórica nas eleccións rexionais e locais de maio.

No seu primeiro discurso a cargo do partido, Burnham apostou por un Goberno baseado nos valores tradicionais laboristas, cun programa de renovación económica, maior control público, reindustrialización e devolución de poder ás comunidades locais.

"Seremos inequivocamente laboristas nas nosas prioridades e nas decisións que tomemos, situando as persoas e os territorios no centro de todo o que fagamos", afirmou o novo líder, que converteu a descentralización do Estado no eixo do seu proxecto político.

Burnham sostivo que o Reino Unido tomou unha serie de decisións equivocadas na década de 1980, cando o poder político se centralizou e o poder económico se privatizouse, e defendeu a necesidade de abrir un novo camiño tras catro décadas dese modelo.

Insistiu en que o seu obxectivo é impulsar o crecemento económico en todas as rexións do país e devolver o control ás comunidades locais, unha idea inspirada no denominado Manchesterismo, o modelo de desenvolvemento territorial que impulsou durante a súa etapa como alcalde do Gran Mánchester.

Tamén defendeu un Partido Laborista máis unido e centrado na súa misión de servizo público, e comprometeuse a gobernar para o norte e o sur, para Escocia, Gales e Irlanda do Norte, e para cada pobo e cada cidade do Reino Unido.

Burnham rendeu homenaxe a Starmer por devolver os laboristas ao poder con maioría absoluta en 2024 -que agora el herda- e asegurou que persoalmente está preparado para liderar.

O luns Burnham asumirá a xefatura do Executivo, despois de que, como marca o protocolo constitucional británico, Starmer presente a súa dimisión ante Carlos III como primeiro ministro e o monarca invite o novo líder laborista a formar goberno. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade