A Comisión Europea pídelle a España máis medidas contra a corrupción
Bruxelas urxe a España a desvincular a Fiscalía Xeral do Estado do Goberno
Arquivo/Europa Press
A Comisión Europea (CE) urxiu este venres a España a que desvincule os mandatos do Fiscal Xeral do Estado e do Goberno e se aliñe coas normas europeas sobre autonomía do Ministerio Fiscal. O Goberno comunitario apunta que, malia a adopción do Plan Estatal anticorrupción, non mellorou a aplicación práctica das leis xa existentes nesta área.
Son as recomendacións que formula a España no Informe do Estado de Dereito da Unión Europea de 2026, o exercicio anual de revisión por parte da Comisión sobre os avances en cada Estado membro en materias como a independencia xudicial, loita anticorrupción, liberdade de prensa ou os contrapesos ao poder, entre outras áreas.
"O Plan Estatal de Loita contra a Corrupción adoptouse pero non mellorou a implementación práctica das regras existentes", sinala o informe do Executivo comunitario.
Nesta ocasión, Bruxelas non abre ningunha nova fronte a España e recupera reclamacións que xa formulara en edicións anteriores, como a vinculación dos mandatos do Fiscal Xeral do Estado e do Executivo e a falta de avances en lexislación sobre grupos de presión, conflitos de intereses e declaración de activos de persoas en funcións de alta responsabilidade executiva.
Progreso "limitado" na loita anticorrupción
A Comisión sostivo que o progreso foi "limitado" no reforzo da normativa sobre conflitos de interese e sobre declaracións patrimoniais de persoas que ocupan altos cargos executivos.
Aínda que se presentou o proxecto de lei de Integridade Pública e se adoptou o Plan Estatal contra a Corrupción, "a aplicación práctica da normativa vixente non mellorou", sinala o informe.
Por iso, insta a España a que "impulse un proceso lexislativo para reforzar as normas sobre conflitos de intereses" e este tipo de declaracións patrimoniais, así como que "garanta a independencia e as facultades efectivas de detección e sanción do órgano de supervisión competente".
Doutra banda, Bruxelas sinala que o Congreso non adoptou aínda a lei de transparencia e integridade das actividades dos grupos de presión ("lobbys"), que o Consello de Ministros aprobou en xaneiro de 2025, polo que o progreso neste ámbito "é limitado".
En concreto, a Comisión Europea pide a España que se continúe o procedemento lexislativo e que este inclúa a creación dun rexistro público obrigatorio de "lobistas".
Doutra banda, Bruxelas si recoñeceu "avances significativos" na revisión da Lei de Segredos Oficiais e recomendou a España que "complete" os traballos para reforzar o acceso á información coa aprobación desta norma e a de Administración Aberta.
Estatuto do Fiscal Xeral do Estado e CXPX
Bruxelas recoñece que España fixo un progreso significativo para reforzar o estatuto do Fiscal Xeral do Estado coa Lei de Axuizamento Criminal en trámite no Congreso, pero apunta a que debe seguir cos esforzos en curso para protexer a institución, en particular no que se refire á separación dos mandatos do fiscal e do Goberno.
Con respecto á adaptación do procedemento de nomeamento dos xuíces do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) á normativa europea, Bruxelas recoñeceu que se efectuaron avances adicionais, aínda que subliñou que non se alcanzou un consenso para ultimar o proceso.
Por iso, reclamou a España que impulse o proceso tendo en conta as normas europeas sobre os consellos do poder xudicial, incluídas as orientacións da Comisión de Venecia sobre como mellorar o sistema actual, un aliñamento cos estándares europeos que tamén lle pide nas reformas sobre o Ministerio Fiscal.