Queda en liberdade o home detido polo asasinato dunha exdeputada británica
A política conservadora Ann Widdecombe, de 78 anos, apareceu morta na súa casa con feridas fatais
A policía non ten datos polo momento que apunten a un crime con motivación política
A policía recolle pegadas na casa de Ann Widdecombe. REUTERS/Jack Taylor
A policía británica detivo un home de 26 anos como presunto autor do asasinato da coñecida exdeputada de dereitas Ann Widdecombe, topada sen vida con feridas fatais este venres na súa casa do suroeste de Inglaterra.
Horas despois, quedou en liberdade e xa non forma parte da investigación. O cidadán británico de raza branca fora arrestado nun domicilio de Newton Abbot, localidade próxima a Haytor, onde vivía a política conservadora.
Malia e todo, o subcomisario de Devon e Cornualles, Matt Longman, asegura que as pescudas avanzan "a bo ritmo".
"A nosa prioridade segue a ser identificar os responsables e garantir que todas as probas se examinen minuciosamente (...) Os detectives continúan realizando numerosas dilixencias como parte da investigación en curso, e mantemos o noso compromiso de esclarecer todas as circunstancias que rodean o suceso", engadiu.
Nunha conferencia de prensa, indicou que polo momento non hai datos que apunten a un crime con motivación política. Do mesmo xeito, sinalou que o caso non se está a investigar como terrorismo.
As forzas de seguridade recibiran unha chamada de alerta sobre as 11:40 horas e trasladáronse ao domicilio de Widdecombe, de 78 anos, que xa estaba morta. Pouco despois, puxeron en marcha un operativo de busca e captura do sospeitoso.
"Fago un chamamento a calquera persoa que poida ter información sobre este incidente, por insignificante que pareza, para que se poña en contacto connosco", pediu Longman.
A exdeputada conservadora nunha imaxe de arquivo. REUTERS/Simon Dawson
Personaxe coñecida
A vítima é coñecida no Reino Unido polo seu historial político e tamén por participar en programas de televisión populares como o concurso de baile Strictly Come Dancing.
Durante a súa carreira parlamentaria, foi secretaria de Estado de Prisións e de Traballo en gobernos conservadores dos anos 90, e despois eurodeputada co Partido do Brexit e voceira da formación populista de dereitas Reform UK, liderada por Nigel Farage.
"Trátase dun incidente extremadamente tráxico e os nosos pensamentos están coa familia e os amigos de Ann Widdecombe nestes momentos tan difíciles", afirmou a inspectora xefe Ilona Rosson.
O primeiro ministro, o laborista Keir Starmer, lamentou "a estremecedora nova" da morte dunha "distinguida política", e a líder do Partido Conservador, Kemi Badenoch, dixo estar "conmocionada" e enviou as súas condolencias á familia.
A ministra do Interior, Shabana Mahmood, instou á cidadanía a non especular e cualificou as circunstancias do suceso de "extremadamente angustiosas".