Detido un mozo en Aguiño acusado de matar a seu pai cun disparo de escopeta
A vítima chegou con vida ao hospital, onde acabou falecendo
O arrestado confesoulle a un veciño o que ocorrera e pediulle que chamara ao 112
Un home de 47anos faleceu en Aguiño, no concello de Ribeira, tras recibir un disparo na cabeza. A Policía Nacional detivo o seu fillo acusado de ser o autor. As primeiras investigacións apuntan que o disparo foi efectuado cunha escopeta propiedade da familia.
Foi un veciño o que deu a voz de alarma. O presunto autor do parricidio, confesoulle o que ocorrera e pediulle que chamase ao 112. Despois foi arrestado pola Policía Nacional.
Os feitos ocorreron no domicilio familiar, unha casa, situada na rúa Vionta, que está na zona urbana de Aguiño. Cando chegaron os servizos de emexencias, o pai aínda estaba con vida, pero en estado crítico. Aínda así, conseguiron trasladalo ata o Hospital do Barbanza, onde finalmente faleceu polas feridas causadas polos impactos de bala.
O fillo do falecido permanece baixo custodia en dependencias policiais. A investigación continúa aberta para esclarecer as causas que rodean o suceso. Durante as primeiras horas da tarde, unidades da Policía Científica e Xudicial desprazáronse ao lugar dos feitos.