Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana González: "Era o traballo da miña vida, o soño da miña vida, e estragouse"

Ana González: "Era o traballo da miña vida, o soño da miña vida, e estragouse"

A que fora segunda adestradora do Deportivo Abanca na temporada 2021-2022 rompe o seu silencio despois de dous anos

Ana González denuncia actitudes intimidatorias, agresivas e de acoso e abuso por parte de Miguel Llorente

O Deportivo realizou unha investigación interna tras unha denuncia anónima. Llorente foi restituído no posto unhas semanas despois cunha amonestación verbal

González nunca se reincorporou ao seu posto de traballo. Asegura que se sentiu desamparada. "A sensación é que ninguén creu a miña historia", di.

Imaxe cedida por Relevo
G24.gal 02/10/2023 20:48 Última actualización 02/10/2023 21:50

Dous anos despois da súa saída do Deportivo Abanca, Ana González rompe o seu silencio nunha entrevista concedida a Relevo. "Era o traballo da miña vida, o soño da miña vida, e estragouse. Botouse a perder e dixen que se iso era vivir do fútbol como adestradora, eu non o quería máis. Se eu non podo protexer as xogadoras, se eu non podo cambiar o deporte ou a forma en que se trata as futbolistas, eu non quero estar aí", explica entre bágoas.

Ana foi segunda adestradora de Miguel Llorente, o técnico que se fixo cargo do equipo feminino tras o descenso á segunda división. Unha exempregada externa do club confirmoulle á Televisión de Galicia o relato de Ana González que en Relevo fala de actitudes intimidatorias, agresivas e de acoso e abuso por parte de Llorente. 

"Estiven dous meses na casa con ataques de ansiedade varias veces ao día", e engade: "Tiña que ter as persianas da miña casa pechadas de todo porque non quería que ninguén me vise desde a rúa. Non podía coller o coche, non podía ir ao supermercado e tiña medo a saír".

A finais de marzo de 2022 Ana comunicoulle ao club a súa decisión de marchar. Trasladoulle a súa experiencia a tres responsables da entidade, David Villasuso, Carlos Rosende e Rocío Candal, nunha reunión na praza de Pontevedra. O Deportivo acabou abrindo unha investigación interna non polo falado nesa xuntanza, senón pola chegada dun correo anónimo á canle ética do club en que se denunciaba o comportamento do primeiro adestrador. Miguel Llorente foi apartado temporalmente do seu posto. Volveu semanas despois cunha amoestación verbal. A sensación de Ana, que nunca se reincorporou, foi de desamparo. 

"A sensación que tiven foi que ninguén creu a miña historia. Eu simplemente era unha nena que tivera a súa oportunidade e debía agradecela", conta. 

Llorente, destituído a finais de temporada, negou sempre os feitos e acusou as xogadoras de amotinarse para botalo polos malos resultados. Alba Merino era daquela capitá do equipo e unha das voces máis críticas do vestiario. Merino apoiou o testemuño da que foi segunda adestradora a través das súas redes sociais. "Aínda doe volver escoitar isto. E as malas fomos nós. Grazas, Ana, por contar a nosa verdade, a de verdade", escribiu. "Nada disto representa o Dépor, nin o que sucedeu nin as persoas que permitiron todo", sentenciou en X (antes Twitter).

Nin Alba Merino nin Ana González seguiron no equipo. O club tamén acabou prescindindo dos cargos que xestionaron a crise.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar