Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Deportivo cae co Castellón (1-3) e cede o liderado

O Deportivo cae co Castellón (1-3) e cede o liderado

Adiantáronse os coruñeses cun gol de Yeremay, pero o Castellón remontou na segunda metade

É a primeira derrota do cadro coruñés na casa esta temporada

G24.gal 07/12/2025 20:26

Entrou mellor ao partido o Castellón pero, logo dun par de aproximacións, apareceron os homes importantes do Deportivo. Un centro de Yeremay foi rexeitado a córner e, pouco despois, Mella probaba desde lonxe ás mans de Matthys.

A máis clara deste treito inicial ía ser do Castellón, cun remate de Nabil que se estrelou en Quagliata. E, contra a media hora, un roubo propiciou un rápido ataque do Castellón con remate de Alcázar que salvou Loureiro.

E, cando máis apertaba o Castellón, chegou o gol local. Tamén dun roubo, con asistencia de Stoichkov, e gol por abaixo de Yeremay.

O Castellón non variou o seu guión de partido, e seguiuse achegando a Parreño no treito final, pero o partido marchou ao descanso con vantaxe do Deportivo.

Nada máis volver da pausa, Calatrava volveu avisar. O Castellón atacaba máis neste treito, e Doué plasmouno no marcador. Foi no minuto 64 cun lategazo impresionante desde a frontal.

O Deportivo acusou o golpe, e estivo a piques de encaixar o segundo, nunha contra que deixou so a Camara. Sacoulla Parreño cunha man milagreira abaixo.

O equipo coruñés dispuxo despois dunha acción a balón parado, pero Mulattieri e Loureiro non atinaron a metela dentro. Outra acción de Mella, con centro de Yeremay que non chegou a destino, confirmou a superioridade deportivista nese treito.

Pero foi entón, á saída dun córner protestado polos locais, cando o Castellón culminou a remonta. Brignani, que acababa de entrar no campo, cabeceouno á rede.

Quedaba tempo, pero non houbo opción. Cinco minutos despois, Cipanga sentenciaba nun rexeitamento logo doutra gran parada de Parreño.

Aínda intentou volver o Deportivo, especialmente nas botas dun Yeremay que non se rendeu, pero o marcador xa non se moveu. Primeira derrota na casa do Deportivo, que cede o liderado da segunda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos