Obxectivo cumprido para o Deportivo en Sabadell (0-2)
Herrera e Rubén López marcaron os goles nun partido onde tiveron minutos os canteiráns Samu, Fabi, Nsogo e Canedo
O Deportivo non chegaba ós dezaseisavos de final da Copa do Rei desde o ano 2011-12
O Deportivo clasificouse para os dezaseisavos de final da Copa do Rei tras acadar unha sólida vitoria na Nova Creu Alta ante o Sabadell. A segunda unidade, reforzada cun bo número de canteiráns, cumpriron de forma sobrada e acadaron un importante triunfo para os intereses do club herculino.
Antonio Hidalgo optou por un once onde descansaban xogadores importantes e dáballe a oportunidade aos canteiráns Samu e Fabi. Sería este último o máis bulideiro dos herculinos con dous achegamentos á area contraria que foron as únicas opcións de perigo dos herculinos no primeiro período.
Na segunda parte, e tras uns minutos de dominio do conxunto arlequinado. O Dépor marcaría as diferenzas pola súa efectividade. Primeiro co gol de Cristian Herrera tras unha gran xogada de Loureiro por banda dereita. O gol fixo dano o equipo local que deixaría máis espazo ás súas costas. Mella tivo o segundo cun remate de cabeza que despexou Fuolí. O que non erraría sería Rubén López. Desde a súa nova posición de carrileiro aproveitou unha boa xogada fiada entre Soriano e Herrera para marcar o gol da sentenza. Restaban dez minutos e o Sabadell xa non tivo capacidade de reacción.
O Dépor retorna aos dezaseisavos de final da Copa do Rei, algo que non acadaba desde a temporada 2011-12 e terá a oportunidade de enfrontarse a un equipo de Primeira División na seguinte rolda da competición.