Fran Alonso: "A vitoria debe ser un punto de inflexión"
O técnico do Deportivo Abanca recoñece que para puntuar en Sevilla deben vixiar de preto a Rosa Márquez
Despois de gañar un partido tan importante, a confianza no grupo sempre crece. Así o confirmou Fran Alonso na previa da xornada 12 de Liga F, na que o Deportivo viaxará a Andalucía para medirse co Sevilla (sábado ás 12:00 horas).
"Esta vitoria (ante o Levante) afastounos mesmo un pouquiño máis, queremos estar moito máis lonxe. A vitoria debe ser un punto de inflexión.
Agardo unha boa versión do equipo. Aínda que temos dez puntos, cremos que podemos dar máis, que deberiamos ter máis puntos, temos que mellorar para reverter esa situación e creo que esta vitoria axudounos moito, sobre todo no tema de confianza".
O Sevilla leva cinco porterías a cero nos últimos seis partidos
“É un equipo moi eficiente, non se complica moito, teñen boas armas, teñen as ideas claras e non lles xeran moitas ocasións. É certo que tampouco xeran moitas, pero si son bastante eficientes nas que teñen. É un bo equipo, de feito a táboa dío, van agora mesmo sétimas, trouxeron unha xogadora como Rosa Márquez, que é moi diferencial e axúdalles moito.