Publicador de contidos

Publicador de contidos

Así é a reforma de pensións que propón Escrivá

Así é a reforma de pensións que propón Escrivá

Ampliar a 28 os anos cotizados para calcular a pensión e subir as cotizacións máximas, claves da controvertida reforma

G24.gal 30/11/2022 14:54

Eran 15, ampliáronse a 25 e agora poderían ser 28 anos de cotización os que computen para o cálculo da contía das pensións. A proposta do ministerio contempla computar 30 anos, dos que poderemos eliminar os dous peores.

"Nunha traxectoria liñal serían os primeiros onde menos cobras", explica María Bastida, profesora de Económicas da USC. Pero advirte doutros casos, persoas que quedan no paro ou que cotizan menos no treito final do período laboral.

Bastida cre que coa ampliación dese período "pode que haxa máis traballadores prexudicados que beneficiados". Porque o normal é cotizar menos ao principio da túa carreira, así que, se temos que coller 28 anos en vez de 25 para calcular a pensión, hai máis posibilidades de que a contía diminúa. 

Na proposta contémplase unha suba progresiva: iriamos sumando tres meses máis ao ano ata 2038, cando xa teriamos que calcular a nosa prestación en base a 28 anos traballados. 

Os sindicatos xa se posicionaron en contra desta ampliación, e o secretario xeral de Comisións Obreiras insiste na negativa. "Non estamos polo labor de negociar ningunha medida que non veña avalada por un consenso político suficiente", di Unai Sordo. E aclara que "non é certo" que o sindicato vencellase a súa conformidade coa prórroga do contrato de relevo.

Sordo ve máis viable negociar outros puntos da proposta, como eliminar o tope de cotización nas nóminas máis altas. O ministerio propón subir a base de cotización máxima un 1,1 por cento ao ano ata 2050. A cambio, elevarían un 0,1 % anual a prestación máxima.

"O que pasa é que non aumenta na mesma proporción" di María Bastida. "Supón romper un principio de correlación básico: antes ían acompasadas,  e agora non é así", engade.

Son as propostas do ministerio para a reforma das pensións, que terá que ter pactada antes de 31 de decembro como pide Bruxelas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade