Amelia Pérez: "É imprescindible aprobar a redución da xornada laboral para mellorar a vida dos traballadores"
Amelia Pérez: "É imprescindible aprobar a redución da xornada laboral para mellorar a vida dos traballadores"
Destacou que lles preocupa moito a alta sinistralidade laboral en Galicia e a reforma dos tempos parciais, que afecta na maior parte as mulleres
A secretaria xeral do CC.OO. en Galicia cre que as organizacións sindicais están para organizar a clase obreira, dar certezas e xerar esperanzas
Foi a primeira muller en estar á fronte de Comisións Obreiras en Galicia e agora acaba de ser reelixida para un novo mandato. Amelia Pérez enfila unha nova etapa dun sindicalismo marcado pola redución da xornada laboral e con varias liñas de actuación inmediatas. No informativo Bos días da Televisión de Galicia explicou as súas liñas de actuación para os vindeiros catro anos.
Amelia Pérez expresou que "xa vai sendo hora" de que se fixe a xornada laboral máxima en 37,5 horas semanais, reivindicación en que o sindicato "leva tempo traballando". Afirmou que despois de 40 anos xa vai tocando que haxa esa redución e que van traballar para que se produza.
No ano 2021, cando se convertía na primeira muller en estar á fronte deste sindicato en Galicia, prometía "escoita, empatía e traballo en equipo para liderar unha etapa marcada polo feminismo". Amelia cre que non se conseguiu todo e que a vida real sempre é máis complicada e que hai que seguir afondando niso nos próximos catro anos.
Entre as actuacións máis urxentes, a secretaria xeral do CC.OO. en Galicia afirmou que o primeiro é a redución da xornada laboral, porque é imprescindible aprobala para mellorar a vida. Destacou que lles preocupa moito a alta sinistralidade laboral en Galicia e a reforma dos tempos parciais, que afecta na maior parte as mulleres.
O contexto de incerteza actual inflúe na situación diaria e Pérez cre que as organizacións sindicais están para organizar a clase obreira, dar certezas e xerar esperanzas.
"O mellor que podemos facer os traballadores e traballadoras é organizarnos baixo o paraugas dunha organización sindical de clase para abordar esas incertezas", destacou a secretaria xeral do CC.OO.
No remate do 13º Congreso Nacional de CC.OO. en Galicia, que tivo lugar esta fin de semana, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, apelou, na súa intervención, á "necesidade de seguir reforzando o diálogo social" como "ferramenta esencial para abordar os retos presentes e futuros do mercado laboral", de modo que se realice unha aposta pola "procura de consensos lexitimados".
Amelia afirmou que concorda en afondar no diálogo social ligado á concertación social. Un diálogo social que ten que estar conformado por máis consellerías para poder falar de política social, do modelo de dependencia ou da sanidade.
Amelia Pérez rematou dicindo que ao final pactarán acordos ou desacordos, pero é imprescindible que teñan máis profundidade.