Amazon acepta pagar 2.500 millóns de dólares pola demanda das subscricións Prime
A denuncia da Comisión Federal de Comercio dos EUA acusaba a Amazon de "manipular" os usuarios e dificultar o proceso de baixa nas subscricións

O xigante do comercio electrónico Amazon alcanzou este xoves un acordo coa Comisión Federal de Comercio (FTC) polo cal pagará 2.500 millóns de dólares (2.141 millóns de euros) para pechar o caso das subscricións Prime.
A multinacional aboará 1.000 millóns de dólares (856,5 millóns de euros) como sanción administrativa e outros 1.500 millóns de dólares (1.285 millóns de euros) para indemnizar os usuarios que foron inducidos a contratar Prime, pero aos que, despois, se lles dificultou poder cancelar dito servizo.
Así mesmo, como parte do pacto ao que tivo acceso Bloomberg, Amazon e dous dos seus executivos, Neil Lindsay e Jamil Ghani, terán prohibido reincidir na conduta ilegal pola que se iniciou o contencioso.
A FTC demandou en 2023 a Amazon e tres dos seus directivos ao considerar que as tácticas empregadas violaban a lexislación que ampara os compradores en liña.
A denuncia presentada entón ante un tribunal do Estado de Washington acusaba a Amazon de "manipular" os usuarios para que se rexistrasen en Prime, un servizo cun custo anual de 139 dólares (119,1 euros) que concede privilexios como unha entrega rápida e gratuíta ou escoitar millóns de cancións.
Con todo, o proceso de cancelación era "difícil" de atopar e requiría de varios pasos. Neste sentido, os consumidores debían facer clic en cinco páxinas na web a través do computador ou seis na aplicación móbil para darse de baixa con éxito de Prime.