Perigo de inundacións no Lérez, no Miñor e no Eifonso, en Vigo
Redondela saíu hai unhas horas do Inungal
Varios concellos da provincia de Pontevedra están en alerta por inundacións. Un deles é Gondomar, pola suba do Miñor, que xa rebordaba onte mércores. Pero tamén se controla o caudal do Lérez en Pontevedra e en Vigo a zona do Eifonso; en Redondela desactivouse a alerta, aínda que continúan con precaución.
Gondomar é un dos concellos da provincia de Pontevedra que continúan en alerta por asolagamentos. Onte xa rebordaba o Miñor en Gondomar. Aquí están moi afeitos a que cunha choiva mínima o Miñor reborde e atribúeno tamén á apertura das comportas do encoro de Zamáns.
En Pontevedra hai temor pola suba do Lérez. En Redondela, malia saír do aviso nas últimas horas aínda toman precaucións nos tres ríos: Alvedosa, Maceiras e Pexegueiro. Choveu moito, o que deixa a fervenza da Feixa en Reboreda cunha imaxe espectacular. Na vila dos viadutos agradecen que a choiva non cadrase coas mareas vivas da semana pasada ou coas mareas altas de cada día.
No sur da provincia de Pontevedra esta mañá de xoves choveu pouco. Inungal advirte para esta tarde acumulación de choiva ata mañá na provincia de Pontevedra.