Comerciantes de Vilagarcía temen que se produzan alagamentos na rúa Clara Campoamor a pesar das obras de humanización e mellora
Comerciantes de Vilagarcía temen que se produzan alagamentos na rúa Clara Campoamor a pesar das obras de humanización e mellora
Os rexistros de choiva na cidade alcanzaron os 56 l/m2 na noite do martes
Polémica en Vilagarcía á conta das obras de humanización da céntrica rúa Clara Campoamor, anegada a consecuencia das intensas choivas do temporal Claudia. Non houbo que lamentar estragos, pero algúns comerciantes temen que, se segue chovendo intensamente, a auga acabe entrando nos seus negocios.
Ata 56 litros por metro cadrado caeron onte á noite en Vilagarcía. Coincidiu coa preamar e os servizos de emerxencias tiveron que atender numerosas incidencias. Algunhas chamadas alertaban da acumulación de auga nas rúas Baldosa e Clara Campoamor, no centro da vila.
Nesta rúa executáronse obras de humanización que van ser inauguradas o venres. Desde o Concello explican que mesmo se duplicou o ancho das tubaxes. Entre os comerciantes e veciños hai opinións encontradas sobre a idoneidade da obra á vista do sucedido.
Desde o Concello argumentan que a rúa está por debaixo da cota do mar e que, malia as melloras no sistema de drenaxe e a ampliación das tubaxes, cando chove forte e coincide coa preamar, a auga é imparable e imprevisible. Consideran que parte da solución ás continuas inundacións que se producen na vila está nas obras dos tanques de tormentas que executa a Xunta e que levan meses de atraso.