Alimentación saudable e con emoción, nas Carmelitas de Ourense
Sanitarias do Sergas imparten talleres para estudantes que combinan os aspectos nutricionais cos sentimentais
"Que emoción nos xeran os macarróns? A cara máis feliz de todas", explica a enfermeira María Fernández. "Un alimento pódeche xerar felicidade, noxo ou calquera emoción", engade Clara, unha das alumnas participantes.
Os carbohidratos, as proteínas ou as graxas saturadas non son o tema de debate neste taller nutricional para alumnos de sexto de primaria das Carmelitas de Ourense. Do que se trata aquí é de que busquen un equilibrio entre a alimentación saudable e o pracer da comida, atendendo ao benestar físico pero tamén mental.
"O cheiro da hamburguesa poden relacionalo cun aniversario ou calquera festa. Podemos clasificalo en menos nutritivo, pero que o poden seguir tomando porque a emoción que lles xera é positiva", explica María Fernández. "Comelo pero con moderación". "Non todos os días. Unha vez á semana", subliñan dous alumnos.
Partindo de alimentos que consumiron recentemente, vanos clasificando por valor nutricional e por emocións. A idea é que trasladen aos fogares esta formación, porque todos temos momentos de debilidade en que as emocións poden coa saúde.
Mercedes Hernández, médica de familia e coordinadora do programa: "Aínda que teñamos moitos coñecementos de nutrición, de alimentación... en momentos de vulnerabilidade comemos o que non debemos".
Estes talleres forman parte do programa Salubrízate de acción comunitaria: inculcar hábitos saudables fóra dos centros sanitarios.