Algúns libros de texto aínda non chegaron ás librarías
A implantación da nova lei educativa obriga este ano os alumnos dos cursos impares a compraren libros novos
A implantación da nova lei educativa obriga este ano os alumnos dos cursos impares a compraren novos libros de texto. Pero algúns dos manuais non chegaron aínda ás librarías.
Alumnos dos cursos impares de primaria, secundaria e bacharelato son os que se verán afectados por estas modificacións.
A unha semana do comezo das clases faltan algúns libros de texto nas librarías. Os cambios curriculares por mor da nova lei educativa non chegaron a tempo ás editoriais, o cal provocou atrasos na súa impresión.
"Outros anos si que se demoraba un pouquiño a entrega de manuais porque non se daba abastecido toda a demanda que había. Pero este ano non hai todos os manuais impresos coa nova reforma educativa, xa que o currículo entrou tarde para a súa modificación. Relixión, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais ou Música son os que están faltando."
A nova lei educativa cambia os contidos e polo tanto tamén os libros de texto. En concreto, os dos cursos impares, que será onde se aplique a nova lexislación. Explican que os temarios os publicou tarde o Goberno central, e despois aínda tiñan que ser adaptados nas comunidades autónomas, polo que as editoriais non tiveron tempo de ter dispoñibles todos os libros para o comezo de curso.
"Os editores non tiveron tempo de preparar os libros; ao redor do 15 de setembro din os editores que vai estar o cen por cento dos libros á disposición da xente. Hai que ter algo de paciencia".
Con todo nas librerías apuntan que os libros irán chegando aos poucos e piden algo de paciencia.