Álex Vázquez deseñará o novo Rácing de Ferrol na Primeira Federación
O seu gran traballo no Arenteiro propiciou que o cadro departamental se fixase nel para substituír a Carlos Mouriz

Pedía o dono do Rácing sangue nova para o proxecto na 1ª RFEF. No banco atoparon a Pablo López. E nos despachos o elixido é Álex Vázquez. O ourensán chega precedido dunha gran fama despois duns anos máxicos no Arenteiro nos que consolidou en Primeira Federación (xogará por terceira temporada consecutiva) un dos equipos máis modestos dos corenta que compiten.
Álex Vázquez chegara ao Carballiño a carón de Fran Justo, do que foi a súa man dereita no terreo de xogo. O seu traballo pasou do campo ao despacho conforme o equipo ía ascendendo. Vázquez era o encargado de facer o seguimento de futbolistas e negociar cos xogadores que se incorporaban ao equipo de Espiñedo. A transición foi de tal éxito que o converteron nun dos mellores directores deportivos da categoría.
O Rácing precisaba un substituto para Carlos Mouriz, e xa o ten. O traballo será conformar un cadro de xogadores novo, algo ao que xa está acostumado no Arenteiro pois tivo que partir de cero as dúas últimas campañas. Pero as aspiracións serán ben diferentes. Nun lugar a permanencia era o obxectivo; nestoutro só vale o ascenso e volver ao fútbol profesional.