Álex González coloca o Pontevedra a tres puntos da salvación
O capitán marcou os dous goles da vitoria contra o Córdoba (2-0)
É a terceira vitoria consecutiva en Pasarón
O barco do Pontevedra rexorde da man do seu capitán. Álex González apareceu para darlle ao seu equipo o terceiro triunfo seguido en Pasarón. E diante non estaba calquera. O Córdoba viuse superado desde o inicio. Aos 17 minutos Álex conectou un fenomenal disparo desde lonxe que sorprendeu ao porteiro do equipo andaluz.
Tardou media hora en aparecer o rival con perigo. Kike Márquez aloumiñou o empate xusto antes de que Charles atopase a Álex González para que o cántabro fixese o 2-0. Hai 15 días non estreara a súa conta goleadora. Agora xa leva 3. Non perdan o pase de Charles, de categoría.
O banco do Córdoba moveuse. Dous trocos. Cara ao descanso volveu xerar perigo nunha acción mal definida por Willy diante de Álvaro Cortés.
Na segunda metade, o Pontevedra tentou gardar a vantaxe e só padeceu durante uns minutos nos que o Córdoba xuntou dúas ocasións claras. Diarra impulsou o balón contra o poste e pouco despois Simo non pode rematar axeitadamente un centro en moi boa posición. Cara ao final, Álex González estivo a piques de asinar un triplo con outro disparo de categoría que sacou Carlos Marín. Será a rúbrica perfecta para un Pontevedra que queda a tres puntos da permanencia e de paso bótalle unha man aos galegos aspirantes ao ascenso. Os granates xa son un señor equipo.