Alertan do risco para os peóns polo aumento do tráfico en Pedrafita
A media diaria de vehículos é de 9.000, fronte aos 400 de hai dous meses
Piden que se coloquen lombas, máis pasos de peóns e mesmo semáforos
Cruzar a estrada Nacional VI en Pedrafita do Cebreiro estase a converter en toda unha odisea para os veciños, peregrinos e turistas. O volume de tráfico multiplicouse por dez dende que hai arredor de dous meses caera parte do viaducto do Castro, na autovía A-6. O problema é especialmente grave polas mañás porque é cando hai máis tráfico e tamén cando máis xente anda pola rúa.
Transcorridos vinte anos dende que se construíu a autovía, os veciños xa non lembraban tal cantidade de vehículos pasando pola vila a todas horas. Tamén lles custa perder o hábito que tiñan ata hai unhas semanas de cruzar por calquera sitio. Por iso, piden que se pinten máis pasos de peóns no tramo urbano da nacional, que se constrúan lombas que fagan reducir a velocidade e incluso que se instalen semáforos nos días de feira ou datas de tráfico máis intenso.
As persoas maiores ou con mobilidade reducida son as que máis están a padecer o aumento exponencial do tráfico en Pedrafita.