Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alerta sanitaria por varíola do mono tras detectárense 23 posibles casos en Madrid

Alerta sanitaria por varíola do mono tras detectárense 23 posibles casos en Madrid

Os oito casos detectados en Madrid, aínda sen confirmar, están en estudo en coordinación co Centro Nacional de Microbioloxía

Portugal confirma cinco casos e mantén baixo vixilancia outros 15, todos son homes

G24.gal 18/05/2022 12:32 Última actualización 18/05/2022 21:19

A Dirección Xeral de Saúde Pública detectou 23 posibles casos en Madrid de varíola símica ou varíola do mono, 'monkeypox'. Ante a posibilidade de máis casos, fontes do Ministerio de Sanidade, o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas activaron unha alerta sanitaria para esta enfermidade que é pouco frecuente e está causada por un virus endémico de África central e occidental.

Os 23 casos detectados en Madrid, aínda sen confirmar, están en estudo en coordinación co Centro Nacional de Microbioloxía (CNM), que conta coa técnica necesaria para confirmar ou descartar o diagnóstico.

Nos oito supostos evolucionan ben, aínda que esta enfermidade pode requirir ingreso hospitalario. 

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, asegurou este mércores que non é probable que a varíola do mono vaia xerar unha transmisión importante en España, pero alertou de que hai que ter coidado porque tampouco se pode descartar.

"Estamos a traballar con todas as hipóteses posibles e cando teñamos información un pouco máis sólida xa se explicará e daranse os datos necesarios", explicou aos xornalistas nun acto en Valencia.

A transmisión do 'monkey pox' é, en xeral, respiratoria, pero polas características dos oito casos sospeitosos a transmisión apunta a ser por contacto con fluídos. En concreto, todos os casos en estudo son homes que manteñen relacións homosexuais.

A varíola do mono xeralmente preséntase con febre, mialxias, inflamación nos ganglios e erupción en mans e cara, similar á da varicela. Non hai tratamentos nin vacinas específicas para ela.

Nos últimos días detectáronse varios casos en Reino Unido e Portugal. Apareceu por primeira vez nos seres humanos en 1970 na República Democrática do Congo (daquela chamábase Zaire) nun neno de nove anos, nunha rexión en que a varíola se erradicara en 1968.

Desde entón, a maioría dos casos notificados proceden de rexións rurais da selva tropical da conca do Congo e o África occidental, en particular da República Democrática do Congo, onde se considera endémica.

En 2017, Nixeria sufriu o maior gromo documentado, uns 40 anos despois dos últimos casos confirmados. O período de incubación, intervalo entre a infección e a aparición dos síntomas, da varíola símica adoita ser de 6 a 16 días, aínda que pode variar entre 5 e 21 días. A taxa de letalidade foi en gromos anteriores de entre o un e o dez por cento, principalmente en mozos.

Portugal confirma cinco casos de varíola do mono e sospeita de 15 máis

Portugal confirmou cinco casos da varíola do mono e mantén baixo vixilancia outros 15 casos, todos pacientes de "sexo masculino, estables e con lesións ulcerativas", informou hoxe a Dirección Xeral de Saúde lusa.

Esta vintena de pacientes atópase na rexión de Lisboa e Val do Texo, explicou nun comunicado a DGS, quen anunciou que van centralizar "todas as accións de detección, avaliación, xestión e comunicación de risco relacionadas con estes casos" a través do Centro de Emerxencias en Saúde Pública (CESP).

Os cinco casos foron comprobados polo Instituto Nacional de Saúde Doutor Ricardo Jorge (INSA).

A DGS alertou aos profesionais sanitarios para "identificar eventuais casos sospeitosos e notificalos". Tamén recomenda que deben buscar consello médico aquelas persoas que presenten lesións ulcerativas, erupción cutánea, ganglios palpables, posiblemente acompañados de febre, calafríos, dor de cabeza, dor muscular e cansazo. Ante casos sospeitosos, os afectados deben "absterse de contactos físicos directos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade