Alerta en Noia pola vaga de roubos que afecta ao comercio da vila
Os comerciantes non deixan nada nos negocios porque, din, hai asaltos case todos os días
Aseguran que son responsabilidade dun grupo organizado que actúa de noite
Bótanlle a culpa á imposibilidade da Policía Local de cubrir quendas de 24 horas
Agrávase a vaga de roubos que desde hai meses afecta a comarca do Barbanza. En concreto, no concello de Noia houbo unha decena de asaltos nocturnos a negocios só na última semana.
Salóns de peiteado e bares foron os máis afectados nas últimas noites. Pero tamén entraron nun pequeno negocio de xornais e tentaron entrar noutro de distribución de pensos.
Sospeitan que son un grupo de asaltantes, aínda que ao interior dos locais só entra unha persoa. Algúns aseguran que hai unha moza que controla os establecementos e a través do teléfono móbil avisa os seus cómplices.
Na Policía Local aseguran que están a traballar todo o que poden. Afirman que nos últimos anos viron reducido o número de efectivos nun terzo e que por mor das quendas e as baixas non poden cubrir as 24 horas do día. A preocupación en Noia vai aumentando.
"É a cuarta vez que me rouban en sete anos. Chegamos aquí, vimos a porta rebentada e xa non había ninguén. Chegou a Garda Civil e estiveron mirando. Por sorte, non tiveron tempo de romper todo como fixeron outras veces", di María Elisa, propietaria dun bar.
María José Carou, que rexenta un salón de peiteados, explica: "Cando cheguei vin a reixa un pouco levantada e entrei porque pensei que estaría todo feito un cristo. A caixa estaba aberta e só levaron unhas moedas, algún carto que tiña gardado da lotería e as propinas".
"Romperon un cristal, quitaron o ferrollo, déronlle unha patada á porta e entraron. Non levaron nada. Só unhas moedas de céntimos porque xa non deixo nada. Causaron máis dano do que levaron", lamenta Santi Neri, dono dunha barbería.