Alerta amarela este xoves por choivas na montaña de Lugo
Con base na información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a alerta activábase por precipitacións acumuladas nunha hora de 30 milímetros
Foto de arquivo. (Carlos Castro / Europa Press)
Meteogalicia activou para este xoves a alerta amarela por choivas na montaña de Lugo. Segundo informan, a alerta permanecerá activa desde as 15:00 ata as 21:00 desta xornada por tormentas localmente fortes.
A alerta baixa de nivel, despois de que este mércores permanecese activado o aviso de nivel laranxa por choivas na montaña de Lugo e Ourense e no sur da provincia lucense. Con base na información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a alerta activábase por precipitacións de 30 milímetros acumuladas nunha hora.
Debido á alerta, a Comisión Escolar suspendía as actividades escolares no exterior xa para este mércores entre as 13:00 e as 00:00 horas, en tres zonas: Montaña de Lugo, con 14 concellos afectados (Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela); Sur de Lugo, con 11 municipios afectados (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada), e Montaña de Ourense, con 19 localidades afectadas (O Bolo, Carballeda de Valdeorras, O Castro de Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, O Riós, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo).
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes tamén acorbada a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no interior, excepto os deportes náuticos e acuáticos federados, nas zonas afectadas pola alerta.