Vento de case 120km/h e acumulados próximos a 50 litros en 12 horas en Galicia
Tres ríos en nivel vermello e vinte e dous en nivel laranxa por risco de desbordamento
A Xunta amplía este mércores a todo o litoral galego a alerta laranxa, e suspende as actividades no exterior e as deportivas federadas nas zonas afectadas
Accesos cortados nos areais da Coruña este martes (EFE/Cabalar). En directo, cámara web da CSAG en Muxía.
O temporal que puxo en alerta laranxa por choiva ao interior de Pontevedra e por ondada ao litoral da Coruña e Lugo deixou este martes refachos de vento próximas aos 120 quilómetros por hora e acumulados próximos a 50 litros por metro cadrado nas primeiras horas do día.
Segundo os datos de MeteoGalicia, o refacho de vento máis forte da xornada rexistrouse na estación do Xistral, en Muras (Lugo), onde soprou a 118,5 km/h ás 11:10.
En canto ás choivas, os maiores acumulados ata as 12:00 rexistráronse na provincia de Pontevedra.
Na estación de Gargamala (Mondariz) caeron 49,8 l/m2, seguida de preto pola de Xesteiras (Cuntis), con 48,2 l/m2; a de Cequeliños (Arbo), con 48,2 l/m2, e a de Vigo-Campus, con 47,1 l/m2.
Tres ríos en nivel vermello e vinte e dous en nivel laranxa
A Xunta mantén activo o Plan Inungal en fase de preemerxencia, polo que vixía o caudal de todos os ríos galegos. Os ríos Mandeo (Coirós, A Coruña), Cabeiro (Redondela, Pontevedra) e Miño (A Peroxa, Ourense) permanecen en nivel vermello ante risco de desbordamento.
Segundo trasladou o 112 Galicia, estes tres ríos presentan niveis elevados e risco de desbordamento nas súas marxes, nun contexto no que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o Plan Especial ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal) en fase de preemerxencia, o que significa que se realiza control e seguimento en todos os ríos galegos.
Ademais, outros 22 ríos atópanse en nivel laranxa, nove deles na provincia de Pontevedra, onde permanece activa unha alerta laranxa por choivas no interior, sete na Coruña e seis en Ourense.
En concreto, en Pontevedra as autoridades vixían o caudal dos ríos Bermaña (Caldas de Reis), Gallo (Cuntis), Baixo Umia (Ribadumia), Lérez (Pontevedra, Baltar (Sanxenxo), Mougas (Oia), Miñor (Gondomar), Miño (Salvaterra de Miño), Eifonso (Vigo) e Lagares (Vigo).
Mentres, na provincia da Coruña atópanse en nivel laranxa o río Xubia (San Sadurniño), Mero (Cambre), Anllóns (Abegondo), Cambeda (Vimianzo), Tambre (Oroso), Sar (Ames), Xundarana (A Pobra do Caramiñal).
En Ourense, os ríos que presentan maior preocupación son o Miño (Ourense, Ribadavia), Limia (Bande), Avia (Ribadavia), Deva (As Regadas), Tea (Bouza do Viso) e Arnoia (Baños de Molgas).
Alerta laranxa por choiva e temporal costeiro
A Xunta decretou para este martes a alerta laranxa por choiva no interior de Pontevedra, despois de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) emitise un aviso desa cor por acumulados esperados de 80 l/m2 en 12 horas.
Debido á alerta, suspendeuse toda a actividade escolar exterior nos municipios de Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Tamén se suspendeu a actividade federada deportiva e do programa Xogade no exterior nos mesmos concellos.
O resto da provincia de Pontevedra, Ourense e parte da Coruña están en nivel amarelo por choivas.
Este martes tamén se activou a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo, por mar combinada do oeste con ondas de ata seis metros e vento do suroeste de forza sete e localmente forza oito.
Por ese motivo tamén se suspendeu a actividade deportiva no mar nesa zona.
Incidencias nas estradas
Durante a xornada de rexistraron algunhas incidencias asociadas ao temporal, como o derrubamento parcial da estrada LU-P-1402 ao seu paso polo municipio de Cervantes (Lugo).
Ademais, tres estradas da provincia de Ourense están en nivel vermello, segundo a Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
Trátase da OU-0305 entre Ribadavia e A Reza, a OU-1011 entre Queizás e Oímbra e a OU-1114 entre O Mosqueiro e A Ponte Liñares.
Ademais, o mal tempo mantén á deriva desde o luns ao pesqueiro Itoiz, a 24 millas náuticas ao norte de Cabo Ortegal, en Cariño (A Coruña), informou Salvamento Marítimo.
Sánchez chama a Rueda para interesarse polo temporal
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, chamou este martes ao da Xunta, Alfonso Rueda, para interesarse polo temporal e o presidente galego aproveitou para pedirlle solucións ao "caos ferroviario" e que arranxe as estradas dependentes do Goberno central, segundo explicou en X.
Sánchez tamén informou da chamada no seu perfil de X: "Máxima coordinación entre administracións e todo o apoio do Goberno ás zonas afectadas. Prudencia e atención ás indicacións dos servizos de emerxencia", escribiu.
Novos avisos para o mércores
A Xunta activa para este mércores a alerta laranxa por vento no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo, ademais de manter a alerta laranxa por choiva no interior de Pontevedra e ampliar a todo o litoral galego a alerta laranxa por fenómenos costeiros.
Co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso deixará refachos de ata 100 km/h desde media mañá.
Nestas zonas, as autoridades lembran a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e xanelas, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.
Por outra banda, mantense a alerta laranxa por choivas no interior da provincia de Pontevedra. Neste sentido, a Administración autonómica lembra a importancia de circular con precaución ante as intensas precipitacións e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Debido á alerta laranxa por choiva acumulada, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada deste mércores, as actividades no exterior dos centros educativos dos 16 concellos da zona Interior de Pontevedra.
Do mesmo xeito, e debido á alerta laranxa por vento, durante toda a xornada tamén quedan suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos dos 38 concellos da zona noroeste da Coruña e dos 15 concellos da zona da Mariña.
Ademais, o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa que está a afectar ao noroeste e ao oeste do litoral da Coruña e que tamén alcanzará a costa de Lugo esta tarde, estenderase a partir das primeiras horas da madrugada a todo o litoral galego. Este fenómeno presenta mar combinada do oeste con ondas de ata 6 metros, podendo aumentar durante a tarde ata os 8 metros, con vento do suroeste ou do oeste de ata forza 8.
A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos predictores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados polas alertas laranxas por choiva e por vento, así como no mar polo temporal costeiro.
No que respecta ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompientes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Alerta vermella o xoves
Doutra banda, Meteogalicia activou un aviso vermello por ondas no litoral da Costa da Morte e no Noroeste da Coruña para a madrugada do xoves.
En concreto, segundo recóllese na web do departamento autonómico espéranse ondas superiores aos oito metros entre as 00.00 horas e as 06.00 horas do xoves.