Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alcoa completa o rearranque da súa planta de aluminio en San Cibrao despois de catro anos da súa parada

Alcoa completa o rearranque da súa planta de aluminio en San Cibrao despois de catro anos da súa parada

Esta data chega con atraso respecto ao acordo de viabilidade asinado entre representantes da empresa e dos traballadores que fixaba a reactivación do 100 % das cubas para outubro de 2025

O comité de empresa criticou "a prohibición por parte da empresa" das visitas que se realizaban ás 6:00 horas "argumentando o atraso da produción"

G24.gal 07/04/2026 10:53

A planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao, municipio de Cervo, completou o rearranque de todas as súas cubas este martes despois da parada de electrólise que comezou en xaneiro de 2022, a cal durou dous anos ata comezar co proceso de reactivación a comezos de 2024. Diso informa este martes o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, quen indica que o arranque "se produciu segundo o estimado".

"Agora mesmo temos a produción de electrólise con 512 cubas en funcionamento, o cal leva a arrincar todas as que pararamos en xaneiro de 2022, máis as 35 que estaban paradas con anterioridade", explica.

Esta data chega con atraso respecto ao acordo de viabilidade asinado entre representantes da empresa e dos traballadores que fixaba a reactivación do 100 % das cubas para outubro de 2025. Este proceso viuse interrompido polo apagamento ocorrido en toda España o 28 de abril de 2025. 

Ao respecto, Zan quéixase de que "se realizou fóra de todos os prazos do acordo de viabilidade, sen negocialo e sen buscar solucións a outros problemas graves como é o forno de cocción". Remarca que este "é un elemento fundamental, dado que unha cousa é arrincar a planta e outra cousa é o futuro da planta".

"O acordo de viabilidade implicaba investimentos, e o máis importante, que era máis de 100 millóns de euros, era o forno de cocción, que nos garantirían como mínimo 40 anos de estabilidade, o cal non temos por culpa dunha decisión arbitraria de Alcoa e incumprindo totalmente o mencionado acordo", censura.

Vías legais contra o peche de visitas

Noutra orde de cousas, o comité de empresa criticou "a prohibición por parte da empresa" das visitas que se realizaban ás 6:00 horas "argumentando o atraso da produción".

Sobre este extremo, os representantes dos traballadores denuncian esta decisión e buscarán unha solución para ofrecer información aos empregados, polo que enviaron un escrito á empresa para lembrar os dereitos sindicais. Así, o comité advirte que estuda "todas as vías legais para que non cernen ao comité de empresa o dereito de información e consulta".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade