Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alarma en Almoite, en Baños de Molgas, polas ameazas e estragos dun veciño

Alarma en Almoite, en Baños de Molgas, polas ameazas e estragos dun veciño

Acumula preto dunha ducia denuncias nos últimos tres anos

Os afectados piden axuda para evitar danos maiores

G24.gal 10/01/2023 14:21

Bea, que acaba de rehabilitar a casa da súa avoa, explícanos o agasallo de Reis que lle deixou o seu veciño: "Sentín un ruído forte. Saímos pola ventá e xa vimos que rompera unha baixante, tiña a planta tirada por aquí, o testo, terra, todo...".

Chamaron a Garda Civil pero en canto marcharon os axentes, volveu. Ela mesma gravou o momento xusto en que lle rachou a porta: "Cando volveu eran preto das 3 da mañá. Ou sexa, toda a noite. Vas traballar á mañá sen durmir".

Vive parede con parede con el, e xa optou por pechar un camiño para distancialo, pero Bea non é a única vítima.

"Cunha patada partiu este cristal, e cun pau, ou ferro, non sei o que é, deulle aquí arriba. E estando eu aquí diante!", explica María Cabido, veciña de Almoite.

Ten preto dunha ducia de denuncias de distintos veciños. "Teño tres denuncias contra el: unha vez rompeulle o coche ao fillo, outra vez a porta do garaxe e outra vez a porta da entrada", detalla María. "Cortou estes cables cunha machada cando máis falta nos facía, durante a pandemia, todos sen teléfono", sinala outro veciño. "Insúltanos desde o balcón permanentemente. Xa non sabemos que facer con el", conclúe Paco, veciño tamén de Almoite.

A situación non é nova. Comezou hai uns tres anos, aseguran os veciños, e agrávase co consumo de alcol.

"Estamos con pánico, cada vez que vén a fin de semana e se emborracha". "En canto escurece eu non veño botar unha bolsa do lixo nin saio da casa, porque teño medo de atoparme con el. Teño pánico, verdadeiro pánico", din dúas veciñas.

Piden que lles boten unha man antes de que a situación se agrave aínda máis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade