Alarma no sector primario galego por posibles recortes de entre o 20 e o 60% nos fondos da PAC
Os sindicatos agrarios calculan que Galicia deixaría de recibir uns 76 millóns de euros anuais

Bruxelas debate sobre a futura política agraria e pesqueira, e a proposta da Comisión Europea non gusta. O sector primario galego di que está en perigo a súa sostibilidade. Sobre a mesa hai recortes que van do 20 ao 60 por cento.
O actual modelo de repartición das axudas da PAC pode desaparecer no 2028. A Comisión Europea quere crear un fondo único para campo e pesca e para cada estado membro.
"Supón unha emenda a totalidade do que era a política agraria común, perde o de común, pasan a ser fondos que se van repartir os estados para que despois o xestione cada un como queira", di Miguel Tomé, voceiro de UUAA Lugo.
Mudaría o modelo e o orzamento. Galicia deixaría de recibir uns 76 millóns de euros anuais. No campo xa falan de peche de explotacións.
Ángel López, gandeiro: "A remuda xeracional é moi complicada se por riba non hai unha compensación económica que o incentive, as explotacións desaparecen", comenta o gandeiro Ángel López.
Tamén está en perigo a renovación da frota e a súa descarbonización.
Basilio Otero, presidente da Federación de Confrarías explica que: "Iso require barcos novos e ese fondo de 2000 millóns non chega a nada, é irrisorio".
Ambos os dous sectores queren fondos propios. Alertan do impacto destas medidas na autonomía alimentaria.
"Non vamos entrar no xogo de diabólico de loitar irmáns contra irmáns, os gandeiros e agricultores teñen o noso respecto, o que temos que facer é estratexias conxuntas", afirma Javier Touza.
Quedan 18 meses de duras negociacións para mudar o rumbo do novo regulamento.