Afunde un pesqueiro abandonado na dársena viguesa de Bouzas
O porto despregou barreiras anticontaminación na zona do afundimento
O afundimento dun pesqueiro portugués abandonado, que estaba atracado na dársena de Bouzas, en Vigo, levou a mobilizar varios medios portuarios e a despregar barreiras anticontaminación, aínda que a situación está controlada e non se produciu unha vertedura significativa.
Segundo confirmaron fontes portuarias, tras o afundimento activáronse medios como a Policía Portuaria, mantemento de Segem, persoal de sustentabilidade do Porto, así como o propio presidente do organismo portuario, Carlos Botana, que estivo na zona.
Como se fai sempre nestes casos, o porto despregou barreiras anticontaminación na zona do afundimento. Con todo, a situación está baixo control e non se produciu unha vertedura significativa, segundo o Porto.
Ata a zona tamén se desprazou un guindastre, que tentará reflotar o pesqueiro coa axuda de mergulladores.