Adolfo Domínguez medra un 7,8 % facturación e un 25,4 % en vendas en liña
Os datos foron proporcionados pola empresa nunha nota de prensa
O aumento acumulado dos últimos anos é do 53 %, dende o exercicio do 2022/23

A facturación total do grupo téxtil galego Adolfo Domínguez creceu un 7,8 % dende marzo de 2024 ata febreiro de 2025. Os datos medíronse en comparación co ano anterior. Tamén creceron as vendas en liña un 25,4 %.
A propia compañía foi quen informou sobre estes datos a través dunha nota de prensa que emitiron este venres á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Nela, o director financeiro corporativo, Rubén Martín, destacou a liña crecente na que se encontra a tenda en liña, acumulando un aumento do 53 % dende o exercicio do 2022/23.
"Por agora, achega o 15 % da facturación anual e é unha porta de entrada importante para que novas xeracións coñezan a nosa marca, algo clave para a rexeneración da carteira de clientes dunha firma con case 50 anos de historia no mercado", sinalou Martín.
A venda en liña de Adolfo Domínguez é accesible dende 31 países, grazas en parte á súa presenza en marketplaces internacionais coma La Redoute, Galleries Lafayette, About You, Zalando...
Nos últimos dous anos aumentaron os novos clientes de entre 25 e 34 anos, multiplicándose por cinco, e en idades menores a 24 duplicáronse. No último exercicio, un de cada tres novos clientes ten menos de 45 anos.
O 30 de xullo celébrase a próxima xunta xeral ordinaria de accionistas do grupo, en que se abordará a reelección da presidenta executiva da compañía, Adriana Domínguez, como conselleira.
Tamén a reelección dos conselleiros independentes Rafael Prieto, José Luis Sainz e Diana Morato, así como a proposta de incorporación de Álvaro Alonso como novo conselleiro, tamén independente, da sociedade.
Alonso é director xeral para o leste de Europa de Beiersdorf, firma que xestiona Nivea, Eucerin ou LaPrairie, e do grupo Farlabo, con marcas coma Dolce & Gabbana ou DKNY, entre outras.
Así, o 57 % do consello de administración formaríase por conselleiros independentes.
A marca galega conta con 1.002 empregados e con 371 puntos de venda en 51 países, englobando presenza en liña e física.