A folga deixa tendas pechadas e protestas na Coruña durante o primeiro día de rebaixas
As traballadoras do sector téxtil reclaman un marco galego que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal, con peores condicións laborais, que pretende implantar a patronal ARTE integrada por Inditex, Mango, Primark, Uniqlo
As tendas que permanecen abertas están sen dependentas e as demais, pechadas
Imaxe da manifestación na praza de Lugo na Coruña (EFE/ Moncho Fuentes)
A xornada de folga convocada por CIG e UXT no comercio téxtil na provincia da Coruña deixou unha imaxe atípica no primeiro día de rebaixas: tendas pechadas e protestas das traballadoras polas rúas.
Con este paro, o sector busca reclamar un marco galego que blinde os convenios provinciais fronte ao estatal con peores condicións que pretende implantar a patronal ARTE (integrada polas grandes empresas do sector como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi ou Uniqlo.
A CIG indica que, tras as mobilizacións do pasado 10 de decembro, o empresariado estatal aceptou na última reunión a prioridade da negociación autonómica.
Por iso, a CIG solicitou, a través do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), reunións coas patronais provinciais para pactar un acordo marco galego que estableza a prioridade aplicativa dos convenios provinciais.
Esta solicitude aínda non tivo resposta a día de hoxe, polo que as representacións sindicais das distintas empresas solicitaron ás direccións o compromiso de que non aplicarían o convenio de ARTE no caso de que entrase en vigor, petición que tampouco foi contestada.
Ante esta situación, optouse por poñer en marcha unha nova convocatoria de folga, que se celebra este mércores, 7 de xaneiro, coincidindo co primeiro día de rebaixas.
A CIG expón que se elixiu esta data para "visibilizar unha problemática laboral que afecta arredor de 2.500 persoas e unhas 40 empresas".
Traballadoras afectadas citáronse ás 12:00 horas na praza de Lugo da Coruña, onde algúns comercios, como Stradivarius, Zara Home, Parfois, Women Secret ou Pull&Bear, tiñan as portas pechadas.
A marcha, con pancartas de: "Cos nosos dereitos, ningún paso atrás" ou "Aquí traballamos, aquí negociamos", chegou ata o Obelisco.
Lucía Domínguez, representante da CIG, sinalou a EFE que "hai tendas pechadas e as que están abertas non teñen dependentas". O seguimento desta folga, dixo, é "máis ou menos igual" ao do paro do día 10 de decembro, cando houbo unha masiva manifestación de 700 persoas.
A CIG lembra que os termos nos que se está negociando en Madrid -a próxima reunión está fixada para o 21 de xaneiro- supoñerían "un grave retroceso" e unha marcha atrás nas condicións económicas e laborais do persoal ao impoñer salarios máis baixos: entre 2.000 e 3.000 euros anuais menos.
Tamén alertan doutros prexuízos: eliminar calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reducir as licenzas, suprimir a voluntariedade do traballo en domingos e festivos, introducir unha maior flexibilización nos calendarios e horarios e recortar incluso o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal.
Domínguez asegurou que farán novas convocatorias de folga se a situación non mellora ou non reciben resposta.