Acepta dous anos e medio de prisión por acoitar un home no abdome en Santiago
O mozo acusado de acoitelar outro no parque de Belvís en 2021 recoñeceu os feitos, e pactou a condena
A agresión sucedeu no parque de Belvís, en Santiago, na madrugada dun 15 de agosto. Un mozo, sen antecedentes, acoitelou outro. Tiña -segundo a fiscalía- a intención de matalo. Foi unha coitelada no abdome, que lle provocou diversas feridas á vítima: precisou de cirurxía e de 125 días de tratamento para recuperarse.
Cinco anos despois, o caso chegou a xuízo. A acusación particular pedía 12 anos de cadea por un delito de homicidio en grao de tentativa. A fiscalía pedía 9 anos de prisión.
O avogado da defensa, Rubén Veiga, explica que, naquel momento, o acusado "era un rapaz moi novo" e sen antecedentes penais. Di que o sucedido "foi froito dunha discusión coa vítima, e el recoñeceuse culpable de darlle esa coitelada".
Recoñeceuse culpable, e houbo acordo entre as partes. O acusado pagoulle 14.000 euros á vítima polos danos causados, e non poderá achegarse nin comunicarse con el en sete anos, dos que xa leva cinco cumpridos. A pena de prisión rebaixouse a dous anos e medio.
"Tívose en conta que esta persoa no momento dos feitos era consumidor de substancias estupefacientes, aplicáronse varias atenuantes, como a reparación do dano e que transcorreu moito tempo dende os feitos, houbo dilación indebida", explica Veiga.
Condenárono por un delito de homicidio en grao de tentativa. A condena é firme pero queda en suspenso durante tres anos: se se mantén en tratamento de desintoxicación e sen volver delinquir, non terá que ingresar en prisión.