Adiántase a vendima polo exceso de calor
Os viticultores, pendentes da choiva que propicie o engorde da uva
"Hai 20 anos as vendimas en Rías Baixas eran na segunda quincena de setembro e incluso a primeira semana de outubro, nos últimos anos, dende o 2003 que empezamos a notar estas evidencias do cambio climático, estánsenos adiantando á primeira quincena de setembro", conta Miguel Tubío, director técnico nunha adega das Rías Baixas.
Pois este ano todo apunta a que se adiante incluso máis, sobre todo nos viñedos máis cara ao sur.
"É posible que nos empecen incluso a finais de agosto, agora dependerá un pouquiño de como avance a choiva esta que nos ven moi ben, tamén pode provocar un certo adianto duns días, e logo por outro lado está o poder organizalo todo", apunta Agustín Lago, director técnico do Consello Regulador Rías Baixas
"A previsión é que se poida adiantar un pouco a colleita, pero tampouco vai ser algo moi significativo, podemos estar falando de 7, 10 días", indica Alfonso Regal, adegueiro da Ribeira Sacra.
E os responsables deste adianto son a calor e a falta de auga. Estamos vivindo o ano agrícola máis seco dende que hai rexistros o que propiciou, por outra banda, viñedos máis saudables.
"É unha vantaxe á hora do mantemento hixiénico sanitario, menos tratamentos", explica Agustín.
Agora sería importante que chovera un pouco máis, aínda que a situación dos viñedos non é crítica.
"Unha choiva na maduración sempre favorece un pouquiño ese tal, pero de momento aquí nas Rías Baixas hai algún viñedo con estrés, pero non estamos notando esa percepción, xullo foi realmente seco pero xuño foi bastante chuvioso", explica Miguel Tubío.
Con todo parece as que as mostraxes que xa se lles están realizando ás uvas, auguran unha boa colleita.
"Ata que entren os mostos non se pode dicir nada de como vai ser o viño e logo a elaboración en si mesma, o que si que é certo é que vendo os estados dos viñedos e vendo a uva pois pinta ben", conta Agustín.