Publicador de contidos

Publicador de contidos

Adiántase a vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas

Adiántase a vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas

As adegas máis grandes contan con empezar dentro dunha semana

Destacan a boa calidade da uva e agardan colleitar cantidades similares ás do ano pasado

G24.gal 16/08/2026 08:38

No Salnés agardan ás últimas medicións dos enólogos para coñecer os niveis de azucre e acedume da uva antes de empezar a vendimar. Contan con que se adiante unhas semanas a recollida e nas últimas inspeccións xa comprobaron a boa calidade dos acios.  

A vendima deste ano vén adiantada. Estes días os traballos comezaron nas vides do Salnés para apañar os acios dos escumosos que requiren dunha uva con máis acedume e menos azucre. Aos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas quédanlles aínda unhas semanas para estaren listos. 

"A uva está nun estado extraordinario. Hai boa cantidade, ten bastante concentración de azucre e fáltalle un pouco de maduración para acadar o equilibrio entre gradación alcólica e acedume. A próxima semana faremos 500 controis e poderemos afinar se imos a finais de agosto ou primeiros de setembro", explica Vicki Mareque, da adega Pazo de Señoráns.

A adega Pazo de Señoráns recolleu na última vendima 420.000 quilos de uva. Contan con repetir esa cifra se non hai ningunha complicación de última hora como puidera ser o pedrazo.

"Non ameaza choiva así que debería ser unha vendima boa, cómoda e con boa calidade. Se cando arrinquemos a próxima semana vemos que a cousa vai adiantada, teremos que empezar. Temos todo listo por se fose necesario", di a adegueira.

As adegas máis grandes agardan poder facelo a partir do día 20. Nas pequenas igual unha semana máis tarde para que a uva chegue nas mellores condicións para a vinificación.  

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade