Adiantaranse os fondos europeos e o Goberno non desbota axudas directas ao gasóleo
Incluirán axudas para limitar o impacto do custo do gasóleo
O sector ve boa disposición no Goberno e manterán aberto o diálogo
Volverán reunirse o martes para ver como se concretan as medidas
Goberno e sector pesqueiro coinciden no diagnóstico: está en risco a viabilidade da frota. O ministro Planas anuncioulles que se axilizarán os prazos das axudas do Fondo Marítimo Europeo e que serán retroactivas desde o inicio da guerra en Ucraína.
Tamén se arbitrarán créditos ICO. O resto das medidas, incluídas axudas directas para compensar o sobrecusto dos combustibles materializaranse nun real decreto que aprobará o Goberno o próximo martes.
"A intención do Goberno é limitar o máximo o impacto do incremento do gasóleo sobre as contas de explotación dos buques pesqueiros da nosa frota. Esa é a mensaxe e esa é a vontade", dixo Luis Planas.
O sector ve boa disposición no Goberno e manterán aberto o diálogo. Volverán reunirse o martes para ver como se concretan as medidas.
"Vimos boa disposición. Falta moita concreción e agardemos que o antes posible, que será o día 29, se concreten e sexa suficientemente boa para que a xente do mar poida vivir tranquila que é o que todos desexamos", aseguraba o presidente de CEPESCA ao remate da reunión.
"Temos uns bos cimentos e agora veremos como nos sae o edificio. A verdade é que se tratou todo o que puxemos enriba da mesa. O que máis nos urxe son as medidas inmediatas", dixo o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, o galego Basilio Otero.
As xuntas directivas de Cepesca e das confrarías reuníronse despois deste encontro no ministerio para ver se manteñen ou non o paro da frota. A decisión non dependerá só do falado co ministro.
Tamén valoran se lles compensa saír mentres dure o paro do transporte.