Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chega ás 300 hectáreas o incendio do concello ourensán de Chandrexa

Chega ás 300 hectáreas o incendio do concello ourensán de Chandrexa

Evacuado un membro da Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) de Laza tras sufrir un golpe de calor

Tamén está activo un incendio en Rairiz de Veiga e o da parroquia de Monteseiro na Fonsagrada

G24.gal 08/08/2025 18:58 Última actualización 08/08/2025 21:32

Un incendio no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, arrasou ata o momento máis de 300 hectáreas.

O incendio declarouse ás catro menos dez da tarde deste venres. Na súa extinción traballan seis avións, cinco helicópteros, cinco motobombas, oito brigadas, seis axentes, dúas unidades técnicas de apoio e dous técnicos.

Un membro da Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) de Laza tivo que ser evacuado este venres tras sufrir un golpe de calor mentres participaba nos labores de extinción. O traballador mareouse debido ás altas temperaturas que afectan á provincia durante esta vaga de calor.

O propio helicóptero da BRIF evacuou o brigadista ata a base de Laza, desde onde foi trasladado a un centro de saúde para recibir atención médica.

En Rairiz de Veiga, parroquia de Guillamil, traballan dous avións e dous helicópteros

Tamén está activo un lume no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Guillamil, desde as 16,39. Participan dous avións e dous helicópteros, entre outros. Aínda non hai estimación de superficie.

Por outra banda, producíronse varios conatos este venres pola xeografía galega, algúns son: Carballo (A Coruña), parroquia de Entrecruces (controlado ás 14:28 con 0,02 hectáreas); Oroso (A Coruña), parroquia homónima (extinguido ás 15:27 con 0,26 hectáreas); Castro Caldelas (Ourense), parroquia de Poboeiros (extinguido ás 15:55 horas con 0,08 hectáreas); Bóveda (Lugo) (extinguido ás 14:30 horas).

A Fonsagrada-Monteseiro, fóra de control 

O da Fonsagrada (Lugo), iniciado o martes na parroquia de Monteseiro, continúa activo e sen controlar despois de queimar 120 hectáreas.

Tamén está controlado desde a madrugada o lume declarado no Saviñao (Lugo) o pasado xoves, parroquia de Piñeiró, que queima 4,6 hectáreas.

Extinguidos Salceda, As Neves, As Pontes e Cereixido, na Fonsagrada

Segundo Medio Rural, quedou xa extinguido o incendio de Salceda de Caselas (Pontevedra), parroquia da Picoña, que puxo en perigo casas no núcleo de Pedrapinta. O lume iniciouse na tarde do mércores e finalmente queimou 91 hectáreas, das que 78 son de arborado e as 13 restantes, de monte raso.

Igualmente quedou extinguido esta tarde do 8 de agosto o incendio das Pontes (A Coruña), parroquia do Freixo, cunha superficie de 23,15 hectáreas, das cales 17,4 hectáreas son de monte arborado e 5,79 de monte raso.

E tamén quedaron extinguidos os incendios na Fonsagrada na parroquia de Cereixido e o das Neves (Pontevedra), parroquia de San Pedro de Batalláns (50 hectáreas).

Previamente, ás 12:29 horas xa quedara extinguido o grande incendio forestal do municipio ourensán de Vilardevós tras arrasar 578,7 hectáreas desde que se declarou hai unha semana, o 1 de agosto. É o maior lume no que vai de ano en Galicia.

Por outra banda, están controlados os incendios de: As Neves (Pontevedra), parroquia de San Pedro de Batalláns (50 hectáreas); Camariñas (A Coruña), parroquia de Xaviña (50 hectáreas); Ponteceso (A Coruña), parroquia de Corme Aldea (60 hectáreas); Ponteceso (A Coruña), parroquia de Brantuas (200 hectáreas).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar