Incendio forestal en Marín nunha zona próxima a vivendas
Na súa extinción traballan catro axentes, once brigadas, seis motobombas, unha pa e un técnico, tres helicópteros e outros tres avións como medios aéreos
Desde Medio Rural sinalan que, polo momento, "non hai risco para as vivendas" próximas
Á noitiña do domingo, o lume estaba perimetrado
Efectivos da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia traballan na extinción dun incendio forestal activo en Marín. O incendio comezou no monte e propagouse cara unha zona próxima a vivendas.
Segundo informou a Xunta de Galicia, o lume orixinouse pasadas as tres da tarde e a densa columna de fume, visible desde múltiples puntos dos arredores, espertou a preocupación dos veciños da zona.
Desde Medio Rural sinalan que, polo momento, "non hai risco para as vivendas" próximas ao lugar do incendio e que non está previsto que se declare o nivel dous de emerxencia, que implica situacións de risco para persoas.
O incendio permanecía activo pasadas as sete da tarde deste domingo, pero xa estaba perimetrado, e na súa extinción traballan catro axentes, once brigadas, seis motobombas, unha pa e un técnico; ademais de tres helicópteros e outros tres avións como medios aéreos.
A Garda Civil confirmou que se está investigando a orixe do incendio. Nas últimas semanas producíronse outros focos en Marin.