Estabilizado o incendio que arrasou 2.500 hectáreas en Valdecaballeros (Badaxoz)
O lume, que segundo o Goberno de Estremadura foi intencionado, obrigou a desaloxar unhas 500 persoas o sábado á noite

O Plan de Loita contra Incendios Forestais de Estremadura (INFOEX) deu por estabilizado esta madrugada o incendio forestal declarado o pasado sábado en Valdecaballeros (Badaxoz), que arrasou unhas 2.500 hectáreas.
Na zona permanecen cinco unidades de bombeiros forestais, tres equipos de maquinaria pesada, dous axentes do medio natural e catro técnicos de extinción. Segundo informa a Consellería de Xestión Forestal e Medio Rural, aínda permanece activo o nivel 1 de perigo.
Os medios que participan no operativo pertencen ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, ao Plan Especial de Emerxencia por Incendios Forestais de Castela-A Mancha e á Deputación de Badaxoz.
O lume, intencionado segundo o Goberno rexional, obrigou a desaloxar o sábado á noite unhas 300 persoas do poboado do Cíjara e a evacuar un cámping con preto de 200 menores que participaban nun campamento.
A Xunta de Estremadura desactivou ás 20:45 horas deste domingo a situación operativa 1 do Plan de Protección Civil por Incendios na Comunidade Autónoma (INFOCAEX), activado por primeira durante este verán, ante a evolución favorable que presentaba o lume.