O incendio forestal de Navaluenga, en Ávila, xa queimou 1500 hectáreas
O lume aconsellou a evacuación de vinte veciños e sesenta menores dun campamento
A proximidade das lapas a algunhas zonas da localidade de Navaluenga, en Ávila, aconsellou a evacuación duns vinte veciños e dos sesenta nenos que participaban nun campamento de verán na zona. A mobilización foi preventiva, xa que ata o momento non afectou de xeito directo zonas habitadas.
O lume nos montes de Navaluenga comezou este venres ao mediodía, e estendeuse rapidamente ata ter un perímetro de 26 quilómetros.
Dez hidroavións e helicópteros, xunto con bombeiros de varias comunidades autónomas e militares da UME traballan intensamente na zona, onde os ventos e as altas temperaturas previstas para as próximas horas poden dificultar a loita contra o lume.
Incendios de Alacante e Toledo
Tamén segue activo, pero xa perimetrado, o incendio forestal que afecta desde onte os montes dos concellos de Ibi e Alcoy, en Alacante. O lume xa queimou 250 hectáreas, e obrigou a suspender todos os actos públicos e a desaloxar algunhas casas rurais da zona.
Canto ao outro grande incendio forestal desta semana, o declarado nos montes de Méntrida, en Toledo, os bombeiros considérano xa controlado despois de afectar a 3.200 hectáreas de Castela-A Mancha e Madrid.