A Xunta aumenta a nivel 2 a alerta por calor no sur da provincia de Pontevedra
A través da Secretaría Xeral para o Deporte, suspendeuse a actividade deportiva federada no exterior
MeteoGalicia activou este domingo o aviso laranxa por máximas de ata 40 graos no Baixo Miño
A situación complícase o luns e os termómetros subirán dos 34 graos en puntos das catro provincias
A Xunta, no marco do Plan de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, aumentou a nivel 2 a alerta por episodio de calor no sur da provincia de Pontevedra, concretamente nas zonas isoclimáticas do litoral e do Baixo Miño.
No ámbito deportivo, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinouse a suspensión da actividade deportiva federada no exterior debido ao aviso laranxa por episodio de calor este domingo nos 27 concellos das Rías Baixas e nos 16 do interior de Pontevedra.
Prevese que este episodio se prolongue ata o xoves da vindeira semana, e mesmo nalgunhas zonas podería estenderse ata o venres, precisa o Goberno autonómico.
Ademais, activouse a alerta de nivel 1 nas zonas do suroeste da Coruña e de Valdeorras, en Ourense.
A Consellería de Sanidade lémbralle á poboación, especialmente aos grupos de risco (maiores de 65 anos, menores de 4 anos, persoas con patoloxías crónicas ou que traballan no exterior), que beban máis líquidos, eviten o alcol e usen roupa lixeira e de cor clara.

Máximas de 40 graos
MeteoGalicia activou o aviso laranxa no Baixo Miño a partir das 15:00 horas deste domingo por temperaturas máximas superiores aos 37 graos. De xeito puntual poderían alcanzarse os 40 graos.
Tamén hai aviso amarelo por calor no sur e noroeste da provincia de Ourense, na comarca de Valdeorras e nas Rías Baixas onde os termómetros van superar os 34 graos.
O luns a situación complícase e o aviso laranxa, que continuará activo no Baixo Miño, esténdese á contorna do río en Ourense e a Valdeorras, onde se poderían alcanzar os 40 graos.
Do mesmo xeito, haberá aviso amarelo por calor no interior da Coruña, no litoral de Pontevedra, no sur de Lugo e na montaña desta provincia.
Vento nordés
O vento do nordés, con intervalos de forza 7, tamén obrigou a activar o aviso amarelo este domingo na Costa da Morte pola mañá e pola tarde nas comarcas de Ferrol-Ortegal.
