Activan a alerta por accidente químico polo incendio dunha empresa de Barcelona
A industria afectada polo lume, situada na localidade de Granollers, dedícase á xestión de residuos
O incendio afecta dous contedores de baterías de litio para reciclar
Un incendio nunha empresa de xestión de residuos obrigou a declarar a alerta por accidente químico no polígono industrial da localidade barcelonesa de Granollers.
O lume afecta dous contedores de baterías de litio para reciclar. O incendio, que non provocou feridos, queima desde primeiras horas da mañá dous contedores industriais con 30 toneladas.
Os contedores están situados no exterior da nave e xeran unha importante columna de fume que ascende en vertical, polo que non se tomaron medidas de protección adicionais.
Os traballadores das empresas lindeiras puideron reincorporarse aos seus postos, pero deberán manter pechadas as fiestras.
Segundo os bombeiros, o incendio non se pode sufocar con auga, polo perigo medioambiental que suporía, e concentran os seus esforzos en evitar que se propague a outros elementos.
Protección Civil activou a alerta por accidente químico na súa fase inicial. Como medida de precaución, a Policía Local pechou os accesos ao polígono industrial desta localidade barcelonesa.
Ata o lugar desprazouse tamén a unidade de Intervención en Riscos Tecnolóxicos dos Bombeiros da Generalitat catalá.