Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vandalismo contra aloxamentos turísticos en Santiago: "Pecharon o meu hostal con silicona"

Vandalismo contra aloxamentos turísticos en Santiago: "Pecharon o meu hostal con silicona"

A propietaria do Hostal San Pelayo denunciou os feitos ante a Policía Nacional

"Non son a única, puxeron silicona en máis aloxamentos da zona vella"

G24.gal 25/03/2026 14:16

A chamada duns clientes que quedaran pechados dentro do hostal alertou a propietaria. Alguén atacara o establecemento na noite do venres.

"Eu non entendía o motivo da chamada, como que non podes abrir a porta? Cheguei correndo e xa vin que había silicona por todo a porta, os códigos dos caxetíns das chaves tamén estaban untados con silicona e puxeran pegatinas de 'Turistas fóra'", explica Sheila Rodríguez, propietaria do Hostal San Pelayo.

Segundo denuncia, o seu non foi o único aloxamento que serviu de diana para os vándalos. Di que a silicona tamén apareceu noutros establecementos da zona de San Roque e As Hortas nesa mesa madrugada.

"Eu mesma fun avisando nos establecementos que atopaba mentres baixaba denunciar ante a Policia Nacional".

Explica que mesmo lle botaron o pegamento a un veciño que ten no portal un código similar ao das vivendas turísticas.

"Non usa chaves porque as esquece, ten un sistema de código para entrar na súa vivenda e tamén lle botaron silicona".

Para Sheila, o peor non son os danos materiais, que foron leves, senón a experiencia desagradable pola que pasaron os hóspedes. Cre que están a pagar xustos por pecadores e defende que o seu hostal ten licenza desde 1980.

"Somos veciños da cidade, non somos grandes empresas. Loitamos por traballar e por ofertar un servizo como o que merece unha cidade como Santiago, sobre todo agora que lles cobramos a taxa turística".

A Policía está a investigar os feitos apoiada polas gravacións de videovixilancia. Mentres, no hostal xa volveron á normalidade agardando quen nada semellante volva suceder, sobre todo agora que comeza a temporada despois dun inverno frouxo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade