Acoitelado cunha tesoira no pescozo en Ordes, nunha pelexa
Hai un mozo de 23 anos detido e un ferido, de 39 anos, ingresado no hospital, e todo apunta a unha liorta por drogas
Hai imaxes que amosan os instantes inmediatamente despois da liorta. Nelas, vese o ferido, un home de Ordes de 39 anos, queixándose do pescozo, xusto despois de recibir unha coitelada cunhas tesoiras.
"Cando ía para traballar pola mañá, vin que había moito sangue aquí e, de feito, un varrendeiro estaba limpando", comenta unha veciña.
Vítima e agresor coñecíanse.
"Coñecíanse de hai anos. O que non sei é que pasou", confirma unha familiar do arrestado.
"El, o ferido, non vive nesta rúa. Si en Ordes pero non na rúa pero dixeron que a persoa que o acoitelou é deste portal", engade a veciña.
A liorta debeu comezar no portal onde vive o detido, porque o regueiro de sangue esténdese varios metros ata a escaleira onde sentou a vítima. Polo historial de cada un, todo apunta a que tiveron unha desavinza por tema de drogas.
"A verdade é que non está metido en moi boas cousas, di alguén que coñece o ferido, e penso que debeu ser por iso, por drogas"
O detido é un mozo uruguaio de só 23 anos, que leva na vila media vida. Detivérono na súa casa. Ten antecedentes, pero o seu círculo deféndeo. Contan que foi o outro quen o ameazou e provocou.
"Veu cun puño americano, cunhas tesoiras, un coitelo e cando mirei pola ventá e vin sangrar ao meu parente, baixei ver que pasara. El estábase defendendo do tipo que o atacara. O outro levaba dous días ameazando, no portal, berrando que lle ía romper a cara", lamenta a parente.
A veciñanza non quere falar por medo. De feito, tampouco quixeran ver nin escoitar, pero é imposible. Fóra de cámara, confesan que están fartos do sube baixa no portal, que, de feito, ten a pechadura estragada, e miran cara ao calella que dá a un aparcadoiro de terra, e suspiran.
"Ultimamente vense cousas que non gustan. Ves move moito 'trapicheo', sabes onde hai puntos de droga", lamenta unha muller.
Falta aclarar a orixe da pelexa. Hoxe, axentes de paisano foron reunindo datos e posibles testemuñas para avanzar na investigación.