Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aclunaga bota en falta a formación de traballadores nas adxudicacións do PERTE do naval

Aclunaga bota en falta a formación de traballadores nas adxudicacións do PERTE do naval

O presidente do Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga) confirma que o sector privado galego recibirá 2 millóns dos 81 adxudicados

Manuel Vázquez indica que son "moi poucos cartos" e lamenta que só se asignase un 42 % dos 190 millóns dispoñibles

G24.gal 19/04/2024 10:36 Última actualización 19/04/2024 11:09

O presidente do Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), Manuel Vázquez, sinala que os estaleiros privados da provincia de Pontevedra recibirán "tan só dous millóns" do PERTE do naval Así o afirmou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

O Ministerio de Industria adxudicou esta semana 81 millóns de euros do PERTE do Naval, un 42 por cento dos 190 millóns dispoñibles para aplicar. A maior parte das adxudicacións van a proxectos presentados pola iniciativa público-privada que conforman Navantia e Pymar e que xestionará 58 millóns de euros en varios proxectos.

Hai outras iniciativas máis pequenas como a que presentaron conxuntamente varias asociacións territoriais, na que están o Clúster do Naval de Galicia e a patronal galega do metal Asime. Este último proxecto leva máis de sete millóns de euros, dos que uns dous millóns corresponden a empresas galegas como San Enrique, Freire e industrias Guerra, entre outros estaleiros pequenos.

O presidente de Aclunaga ve "estable" a situación dos estaleiros privados galegos despois da parada provocada pola pandemia

O presidente de Aclunaga explica que no montante asignado a estaleiros privados galegos "hai iniciativas de todo tipo pero son moi poucos cartos, son tan só sete iniciativas, e van para desenvolvemento tecnolóxico, para estaleiros pequenos como San Enrique e Freire, temos a Bureau Veritas, temos a Industrias Guerra que se dedica a temas de maquinaria, temos un pouco de todo".

Manuel Vázquez lamenta que aínda queda máis da metade do montante sen adxudicar e que non se financia a formación de traballadores. "É verdade que botamos en falta dentro do PERTE a parte do financiamento da formación, que é unha maneira un pouco sibilina de deixarnos a todos fóra dos organismos intermedios que poderiamos participar no PERTE porque é aí onde máis podemos achegar as asociacións, os clústers, ao propio PERTE", di.

Afirma que "o PERTE ten outro hándicap, que foi pouco atractivo para os centros tecnolóxicos, que é que o nivel de subvención que o PERTE dá para as axudas dos centros tecnolóxicos aos proxectos do PERTE é mínima. Non é atractiva para os centros tecnolóxicos porque teñen outro tipo de iniciativas e de axudas en Europa con moitísimo máis financiamento, e iso fai que os centros tecnolóxicos apenas se involucren e que se sintan atraídos polo PERTE polo nivel de financiamento que hai para estes centros".

Sobre a actual carga de traballo dos estaleiros privados en Galicia, o presidente de Aclunaga indica que "os estaleiros galegos privados mantéñense na liña dos últimos anos. O impacto da pandemia provocou unha parada no sector en xeral que se está volvendo retomar e a situación é estable".

"Galicia segue liderando a construción privada en España"

Engade que "a toma de posesión de estaleiros Armón da antiga Barreras fai que volvamos ver barcos nas gradas e a ter expectativas de que o estaleiro volva a funcionar ben. Barreras era no seu momento o estaleiro privado máis grande de España e a retoma da actividade e a que nunca se interrompeu en Freire, en Cardama, na área de reparacións, fai que a situación se manteña máis ou menos estable. Gustaríanos que dunha vez estaleiros San Enrique iniciase xa unha actividade de construción naval para que realmente ese proxecto frutificase e saber que vai ser do futuro de Metalships, que está nun limbo que non sabemos que camiños vai tomar".

Manuel Vázquez comenta que se "están construíndo oceanográficos, barcos de pesca, barcos de pequena pasaxe, ese tipo de barcos. A construción naval en Galicia está moi especializada. Non se fan grandes barcos en serie nin repetitivos. Iso é o que nos dá un pouco de valor engadido agora mesmo neste mercado tan competitivo con respecto a outros mercados". 

O presidente de Aclunaga corrobora que "Galicia segue liderando a construción privada en España", pero que a "actividade naval privada, como no resto de Europa por desgraza, cada vez vai perdendo máis peso". "É verdade que se xuntamos o peso do naval privado xunto co do público, a imaxe cambia totalmente en canto a volume de emprego e capacidade industrial", afirma Manuel Vázquez.    

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade