Un falecido e tres feridos nun accidente de tráfico en Ourense
Na colisión múltiple víronse implicados un camión e varios vehículos
O sinistro ocorreu contra o mediodía na Nacional 525, preto do desvío que vai cara ao polígono ourensán de San Cibrao das Viñas.
Os primeiros datos apuntan a que o rebentón dunha roda puido ser a causa de que un camión que ía cargado de area perdera o control e invadira o carril contrario.
Foi bater contra un furgón e contra outro vehículo que circulaba detrás. O ocupante do furgón faleceu no momento.
"As primeiras hipóteses parece que apuntan a un rebentón dun pneumático: o condutor do vehículo perde o control, vai ao carril contrario e bate cunha furgoneta, que ía cun só ocupante, que faleceu", di o xefe do Subsector de Tráfico en Ourense.
Os bombeiros tardaron máis dunha hora en sacar o corpo do falecido.
Tamén foi preciso liberar o condutor do camión, que quedou ferido grave e foi trasladado en helicóptero ao Complexo Hospitalario de Ourense.
Outras dúas persoas quedaron feridas.