Verán complicado para as academias sen os exames de setembro
Moitas tiveron que pechar durante o verán pola falta dos alumnos
"Agora mesmo pois temos un 20 ou 30 por cento con respecto a veráns pasados".
"Non chegan a ser catro meses enteiros, pero son case catro meses sen actividade, a ver para unha persoa que está empezando isto é terrible, terrible".
"Haberá que gañar en inverno para todo o verán", opinan dende as academias de ensino.
Está sendo un verán moi duro para as academias de ensino. Sen os exames de setembro, moitas decidiron pechar a porta.
"Levabamos moitos anos sen pechar nunca, pois decidimos pechar e os traballadores son fixos descontinuos e entón foron ao paro", apunta Mª José Piñeiro, directora dunha academia de ensino.
Noutras alternaron as vacacións con actividade, pero moi reducida.
"Esta academia decidiu pechar durante o mes de xullo e agora no mes de agosto volvemos pouquiño a pouquiño", explica Manuel Brea, mestre nunha academia.
"Eu pasei de traballar todos os días pola mañá a traballar só dous días hora e media", comenta Rafael Aboal, director dunha academia de ensino.
Moitas delas xa viñan notando unha redución da actividade nos últimos veráns.
"Cando a universidade quitou os exames de setembro, despois pasou cando quitaron os de segundo de bacharelato e agora este ano xa hai moi poucos alumnos, só veñen os rapaces que queren preparar un pouco o ano que vén e por exemplo a UNED que aínda ten exames de setembro", continúa Rafael.
Esta última reforma educativa non gusta moito e teñen medo de que lle pase factura a un alumnado que xa perdeu moito nivel durante a pandemia.
"É o primeiro ano e imos ver como chegan, pero coido que vai ser complicado, que vai ser complicado", augura María José Piñeiro.