Absolto o policía de Vigo acusado de violación porque a declaración da moza "carece de fiabilidade"
O tribunal di que non se puido probar a ausencia de consentimiento por parte da denunciante
O fallo non é firme e cabe recurso ante o TSXG
(Europa Press)
A sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, absolveu a un policía local da cidade, acusado de violar á irmá dun amigo ao non probarse a ausencia de consentimento por parte da moza, que no momento en que ocorreron os feitos tiña 18 anos, 24 menos que él.
Non hai probas que desvirtúen a inocencia do policía
Na sentenza,. feita pública este luns polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os maxistrados consideran probado que ambos mantiveron relacións sexuais no coche do procesado na madrugada do 27 de novembro de 2022, aínda que non hai probas que desvirtúen a presunción de inocencia do sospeitoso.
A Sala explica que a declaración da afectada "carece da suficiente fiabilidade" para poder concluír que a moza "non prestara naquel momento o seu consentimento para manter unha relación sexual co denunciado".
Non se probou a perda de vontade da denunciante
O tribunal considera que carece de apoio a perda de vontade que ela manifestou no xuízo, no que declarou a porta pechada, no sentido de que se vía obrigada a facer o que o acusado lle pedía.
Os maxistrados sinalan que os desmaios sucesivos que referiu a muller e que descartarían o consentimento "producíronse nun breve espazo temporal, alternándose con episodios en que estaba esperta e nos que admite que puido" manifestar consentimento. Non consta, apunta a sentenza, nin que a moza bebese nin que o policía forneceulle algún tipo de substancia que anulase a súa vontade.
A falta de consentimento á que aludía a acusación tampouco se viu reflectida, a xuízo da Sala, nas mensaxes que intercambiaron o día despois dos feitos.
Por todo isto, os maxistrados sosteñen que hai "unha dúbida razoable de certa entidade acerca da existencia do consentimento" e iso impídelles ditar unha sentenza condenatoria. En calquera caso, o fallo non é firme, xa que cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.
Os feitos ocorreron na madrugada do 27 de novembro de 2022 en Vigo cando o acusado se ofreceu a levar á súa casa en coche á denunciante, de 18 anos e irmá dun amigo. Despois de deixar a outras dúas acompañantes, ambos se dirixiron ao parque de Castrelos e alí, no coche, produciuse o que a vítima denunciou como unha agresión sexual.
A Fiscalía pedía para o procesado 15 anos de prisión ao consideralo autor dun delito de agresión sexual, ademáis de 10 anos de liberdade vixiada e 20 anos de inhabilitación para exercer oficios que impliquen contacto con menores.