Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras gañan os Premios Xerais 2025
As tres escritoras venceron nas modalidades de novela, de literatura infantil e de literatura xuvenil, respectivamente
Despois do proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará un acto de entrega dos premios en outubro
Imaxe do xurado. FOTO: Premios Xerais vía EUROPA PRESS
Os Premios Xerais 2025 xa teñen vencedoras. Son as escritoras Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras, que acadaron o galardón nas modalidades de novela, literatura infantil e literatura xuvenil, respectivamente, cunha dotación de 10.000 euros cada un.
O xurado da XLII edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra Mulleres que viven xuntas, que a escritora Rocío Otero asina baixo o pseudónimo de Abril Camino.
Segundo detalla a editorial nun comunicado, cun estilo sobrio e cunha magnífica construción das personaxes, chama á reflexionar sobre as repercusións da orientación sexual e as enormes dificultades que enfrontaron algunhas persoas durante a represión franquista.
Para a autora, a novela é unha homenaxe a varias xeracións de mulleres que "tiveron que facer pasar como amizade, sentimentos máis profundos".
Premio Merlín
Pola súa banda, Erin e o lobo, de Érica Esmorís, fíxose co XL Premio Merlín de Literatura Infantil. Trátase dunha "intensa e emotiva novela" escrita desde o corazón sobre a comuñón coa natureza, a crianza, a autoestima, as segundas oportunidades e o poder do amor.
A novela narra unha temeraria aventura protagonizada por unha nena valente e un lobo solitario. Neste caso, o xurado salienta a eficaz mestura entre unha evocadora descrición de lugares e personaxes simbólicos e o ritmo áxil dunha acción ben tramada.
Estes elementos, prosegue, contribúe a construír un relato épico, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar á acción e á aventura.
Premio Jules Verne
Finalmente, o xurado da XVII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora a obra titulada O corvo sobre a neve, presentada baixo o lema "Sosias", de Andrea Maceiras.
A medio camiño entre a fantasía, a ficción científica, a novela distópica e mesmo a aventura, é unha viaxe pola supervivencia nun mundo hostil onde os lobos parecen os únicos aliados.
Unha historia que converte a IA en coprotagonista para abordar temas como as consecuencias do cambio climático, a inxustiza social ou a emigración.
O xurado destaca a calidade da obra presentada e o bo uso da lingua, nunha narración limpa con trazos líricos. O final predicible e ao mesmo tempo inesperado, sinala, contrasta coas duras vivencias dos personaxes ao longo da trama.
Presentáronse 121 orixinais
Este ano presentáronse aos premios 121 orixinais, o dato de participación máis alto dos últimos anos. Despois do proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará un acto de entrega dos premios no mes de outubro.