A Coruña, capital do cómic con Viñetas desde o Atlántico
35 editoriais e librerías especializadas reuníronse na rúa da Banda Deseñada
O festival programou unha vintena de exposición e xuntou máis de 70 autores
Viñetas desde o Atlántico é unha cita imperdible para os amates da banda deseñada, un punto de encontro para autores e lectores e un espazo cultural con propostas que conecta con outras disciplinas artísticas. Nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña libreiros e editoriais presentaron as últimas novidades do sector.
O compostelán Pedro Segade asinou exemplares do seu quinto cómic, unha historia de atracos de bancos en que traballou man a man con Raúl Balen durante máis de dous anos.
"O cómic é un proceso de traballo longo e lento. Debuxas con toda a ilusión e cando ves que a xente pasa por aquí e quere mercar o teu cómic para ver o que fixeches é unha alegría", conta.
A obra está editada por Cartem Cómics, editorial salmantina dirixida por Iván Serrano que aposta polo talento dos creadores españois.
"É importante para facer industria porque xera postos de traballo e negocio e isto é bo para todos", comenta.
O editor cualifica como moi bo o momento da industria da banda deseñada en España. Os cómics xa representan o dez por cento das vendas do mundo do libro no noso país.
As bibliotecas municipais da Coruña estiveron presentes na feira cunha pequena escolma de todo o que atesouran.
"Facemos préstamos durante a feira e convidamos a xente a que veña visitarnos á biblioteca e se faga socia para levar libros gratis á casa", di Iván Serrano, bibliotecario no Fórum Metropolitano.
A rúa da Banda Deseñada reuniu librerías e editoriais de toda España ata o domingo, pero Viñetas desde o Atlántico non se despedirá da cidade ata ben entrado setembro, con tempo de sobra para visitar as exposicións do salón.