Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os reis e o presidente portugués presidirán o Comité de Honra do 800 aniversario da catedral de Tui

Os reis e o presidente portugués presidirán o Comité de Honra do 800 aniversario da catedral de Tui

Aceptaron a invitación do Concello e do comité organizador

Os actos comezarán o 30 de novembro cun amplo programa de actividades

G24.gal 28/08/2025 17:33

Os reis de España e o presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, aceptaron a presidencia do Comité de Honra das celebracións polo 800 aniversario da catedral de Tui, que se iniciarán o vindeiro 30 de novembro.

Así o comunicaron a Casa Real española e a Casa Civil da Presidencia da República Portuguesa en resposta á invitación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, en nome do comité organizador.

O rexedor destacou que este xesto representa un altísimo honor para a cidade e o recoñecemento da importancia dunha efeméride que lembra o papel da catedral como cabeceira dunha diocese que abranguía territorios tanto de Castela como de Portugal. Cabaleiro subliñou tamén que o templo é símbolo das relacións históricas entre Galicia e o norte de Portugal.

Segundo explicou o alcalde, o apoio das máximas autoridades dos dous países supón un compromiso e unha responsabilidade para traballar con máis empeño neste proxecto colectivo, que ofrecerá un amplo programa cultural e social a partir de novembro.

No comité organizador participan o Concello de Tui, o Cabido Catedralicio, a Xunta, a Delegación do Goberno, a Deputación de Pontevedra, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal e outras entidades públicas e privadas.

O pleno municipal aprobou ademais solicitar que o evento sexa declarado Acontecemento de Especial Interese Público para poder beneficiarse dos incentivos fiscais previstos no réxime das entidades sen fins lucrativos e no mecenado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade