Pídense doazóns de voz para fomentar a presenza do galego no mundo dixital
O Instituto da Lingua Galega introduce preguntas na plataforma Common Voice para recoller a fala espontánea
Para que as máquinas entendan a nosa fala precisan adestrarse.
O Proxecto Nós leva máis de tres anos recollendo doazóns de voz para facilitar o recoñecemento do galego e a súa diversidade dialectal no ámbito tecnolóxico. De momento pedíaselles aos doadores que lesen unhas frases, agora búscase ademais a espontaneidade.
"E facémolo a través de preguntas. En vez de ler algo, o que fai o sistema é preguntarche que música che gusta ou cal é a túa comida favorita", explica a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei.
Ao proxecto están convocados os galego falantes de todas as idades e de todas as variantes da fala.
"O que buscamos agora é que cada un fale á súa maneira, coa súa variedade dialectal. O que queremos é a diversidade. É útil e necesaria e todas as maneiras de falar son válidas", engade Elisa Fernández Rei.
Para participar no proxecto só hai que entrar na páxina doagalego.nos.gal.
"Cada vez que unha persoa entra en esa plataforma e dá a súa voz estamos máis próximos de que o galego estea dentro do sistema dixital de que non perdamos ese espazo, sobre todo neste momento en que estamos de emerxencia lingüística", afirma a directora do Instituto da Lingua Galega.
A directora do Instituto da Lingua Galega confía en que non tardemos moito en interactuar con ferramentas como do GPS ou os asistentes de voz na nosa lingua e que estes recoñezan variantes da fala como o seseo ou gheada.